Noticias

Macarena Montesinos leva "Libre" a Vilagarcía de Arousa para pór en valor o traballo das mulleres no concerto de "Violencia zero" da Deputación

A artista viguesa baseou na improvisación libre o seu solo de violonchelo, no que destacou a importancia da arte e a educación para a liberación das mulleres


28 setembro 2021
Violencia zero Vilagarcía

A improvisación libre e a música experimental de vangarda foron as grandes protagonistas do solo de violonchelo de Macarena Montesinos hoxe en Vilagarcía de Arousa. No marco dunha nova acción do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero", a artista viguesa levou Libre á praza de Galicia do municipio do Salnés para poñer en valor o traballo das mulleres e destacar a importancia da arte e a educación para a súa liberación. A actuación foi seguida en directo por decenas de viandantes, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a tenente de alcalde, Tania García.

A acción sonora de Montesinos, creada exprofeso para "Violencia zero", consistiu nun solo de violonchelo no que a artista xogou con diferentes sonoridades e efectos en directo. A improvisadora e investigadora entende a arte como unha forma de liberación e Libre como unha ferramenta de cambio e unha forma dotar de importancia o traballo das mulleres. Así, mesturou na súa actuación a música experimental de vangarda co clásico do violonchelo nunha emotiva peza inspirada na súa avoa en particular e en todas as mulleres en xeral. Na actualidade, a artista dedícase á docencia e á investigación na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde estuda a relación e correspondencias entre as partituras gráficas e a improvisación sonora.

Esta foi a vixésimo primeira acción levada a cabo dentro da sexta edición do programa, que este ano ten como lema "Emerxencia cultural, urxencia feminista! Nin un paso atrás na loita contra a igualdade". "Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia desde o seu inicio en 2015, o programa da Deputación de Pontevedra seguirá reivindicando a igualdade de xénero por toda a provincia ata que remate o ano.