Noticias

Case 100 millóns de euros nos últimos 6 anos no Salnés "para a grande transformación da comarca e impulsar a todos os concellos"

Carmela Silva: "É o maior investimento feito nunca na historia da Deputación non só no conxunto da comarca, senón tamén en cada un dos concellos de todas as cores políticas"


13 outubro 2021
Almorzo informativo

A Deputación é a institución que máis inviste nos concellos da comarca de Arousa. Nun almorzo informativo en Vilagarcía, a presidenta, Carmela Silva, rendeu contas hoxe da xestión realizada dende que hai 6 anos se producira o cambio á fronte da administración provincial. Un investimento "sobresaínte e como nunca" de 96.585.198 euros empregados na mellora dos servizos públicos municipais e na dinamización e a cohesión social de Vilagarcía, Vilanova, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, A Illa, Catoira, Valga e Pontecesures. "Son case 100 millóns de euros, o maior investimento feito, non só no conxunto da comarca, senón en cada un dos concellos individualmente; un dato que é fácil de cotexar".

Carmela Silva insistiu no reparto obxectivo nesta ducia de concellos, "de tódalas cores políticas", facendo posible que desenvolveran os seus proxectos e contribuíran así á mellora da calidade de vida da súa veciñanza. "Cumprimos co noso deber e cumprimos co Salnés". "Con toda a modestia, temos que sentirnos satisfeitas/os porque os investimentos destes 6 anos non se poden comparar co período anterior de 40 anos, cando "outros" gobernaban". A presidenta provincial non pasou por alto a coincidencia temporal co Debate do Estado da Autonomía e aproveitou para esixir da Xunta "unha forma diferente de gobernar na relación cos concellos". "Estou indignada co xeito en que a Xunta inviste nesta provincia; non hai visita do señor Rueda na que non anuncie convenios exclusivamente para concellos gobernados polo PP". Por elo lembrou que o PSdeG-PSOE e o BNG gobernan a 600.000 das 900.000 persoas da provincia de Pontevedra "e, sen embargo, gran parte dos investimentos da Xunta van para os gobernos locais do PP, que atenden a 300.000 persoas". Silva concluíu que, mesmo nestas circunstancias, a Deputación está a abordar "a gran  transformación de toda a provincia" e invitou á Xunta de Galicia "a vir ao Salnés a explicar con detalle o que fai en cada unha das vilas e municipios".

O Plan Concellos é a espiña dorsal da presenza da Deputación en todo o territorio. Así, na comarca arousá, significou o reparto de 49,6 millóns de euros durante o sexenio presidido por Carmela Silva (case 8,5 millóns de euros este ano 2021). Neste tempo executáronse 500 obras, financiáronse 224 actividades socioculturais e 1.191 persoas desempregadas foron contratadas para reforzar temporalmente servizos municipais. Silva destacou a flexibilidade do Plan, "que dá plena autonomía aos municipios", e aproveitou a ocasión para adiantar que xa se ultima a convocatoria conxunta das dúas próximas anualidades para poñer 73 millóns de euros (os 43 millóns do ano 2022 e outros 30 millóns do total de 43 millóns do ano 2023) a disposición dos municipios a partir do 1 de xaneiro. Unha inxección á que se sumarán os 20 millóns do plan ReacPon para financiar grandes proxectos e equipamentos aliñados coa Axenda 2030 e/ou os principios Ágora de recuperación do espazo público.

A presidenta detívose nas 13 grandes obras financiadas cos plans de seguridade viaria en espazos municipais (DepoRemse) e de construción de equipamentos (Reequilibrio), que teñen suposto 6,8 millóns de investimento en Arousa para obras como o Auditorio do Grove, a seguridade viaria na contorna de Fexdega, a reforma das Casas Modernistas da Illa ou a reforma urbana de Portonovo. Tódalas obras agás as do Grove e Sanxenxo están rematadas.  Incidiu, ademais, nos convenios extraordinarios que permitiron a execución da Vía Verde do Salnés (200.000 euros) ou o remate da piscina de Cambados (1,4 millóns) e do Auditorio de Vilanova (757.000 euros). Ademais detívose nas achegas de fondos europeos a través da Deputación para a mellora da eficiencia enerxética da iluminación en nove concellos, cun importe total de máis de 1,9 millóns de euros. Diante destas cifras espetou que "tódolos equipamentos, dotacións e grandes recuperacións do espazo público en Arousa levan a sinatura da Deputación"

A atención ás emerxencias foi outro dos asuntos abordados, pois achegáronse máis de 885.000 euros aos grupos de emerxencias supramunicipais de Valga, Sanxenxo e O Grove. Neste punto, Carmela Silva volveu criticar a incongruencia de que O Grove continúe fóra do sistema GES por decisión unilateral da Xunta de Galicia e expresou o desexo de que "o ano próximo poidamos dicir que conseguímolo. De feito, xa adiantou que no vindeira reunión dos GES volverá a reclamar "que o Grove entre por dereito propio no convenio".

Carmela Silva aproveitou a súa comparecencia para reivindicar a loita dos concellos contra a pandemia. "Todos fixeron un esforzo extraordinario e a pulmón, é dicir, sen recibir un euro da Xunta, mentres a propia Xunta recibía centos de millóns de euros do Estado". As achegas extraordinarias Covid-19 da Deputación rozaron os 495.000 euros que se reparten entre os 208.000 euros en subvencións para apoiar aos sectores máis afectados, máis de 227.000 euros en reforzar os Servizos Sociais "para axudar ás familias con máis dificultades"; outros 58.800 euros no financiamento de plans municipais de corresponsabilidade familiar durante o confinamento e en flexibilidade no Plan Concellos para atender "funcións impropias como as desinfeccións". "Competencias que a Xunta non atendeu", abundou.

A rede provincial de estradas na comarca de Arousa ten recibido durante estes últimos 6 anos un investimento total de 16.136.742 euros, que fixeron posible 51 obras (a meirande parte xa executadas e o resto con crédito reservado). Silva citou expresamente a reforma da rúa Luis Rocafort, en Sanxenxo que "hoxe", 1.651.000 euros despois, "é un modelo". Aludiu tamén á mellora da seguridade viaria na estrada da Granxa-Dorrón (tamén en Sanxenxo), a senda peonil e a nova rotonda na estrada de San Vicente (O Grove), á mellora da seguridade viaria na vía Coirón-Ribadumia, as drenaxes en Valga-Martores e Fefiñáns-Oubiña (Cambados) e o acondicionamento da estrada provincial de Mosteiro-Meis no seu entronque coa praza de España.  En canto aos proxectos que en breve estarán en execución destacou a mellora peonil na estrada que cruza o centro urbano da Illa (1.160.000 euros) e outras actuacións en Valga, Catoira e Sanxenxo. Finalmente lembrou que se teñen instalado 206 redutores físicos de velocidade, 112 pasos de peóns sobreelevados e se financiaron 7 Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e tres camiños escolares seguros. "Somos a provincia que máis aposta polos redutores e outras medidas que salvan vidas", destacou.

Os 33 millóns de euros investidos polos outros servizos provinciais tamén foron debullados. A presidenta lembrou que Igualdade concedeu 304 subvencións por importe de 563.000 euros; Cohesión Social repartiu 596.000 euros entre 407 entidades sociais; Emprego máis de 2 millóns de euros para financiar os contratos e becas de persoas graduadas en concellos, empresas e ONG, así como para posibilitar as prácticas no estranxeiro do alumnado da FP. Na área de Deportes reivindicou o dato de que a Deputación "é a Administración que máis recursos propios destina nesta provincia", cun total de 2.347.000 euros, que se traduciron en 628 subvencións a clubs, 96 a deportistas individuais e 23 para o funcionamento de  escolas deportivas.

A modernización da Administración municipal, cun investimento total de 640.306 euros, foi o penúltimo capítulo abordado no resumo. O servizo provincial de Novas Tecnoloxías asesorou a 307 empresas no uso das TIC no marco do programa provincial SmartPeme. Ademais formou a 373 traballadores/as e cargos públicos municipais no uso da Administración Electrónica. Son xa oito os concellos da comarca que gozan de sede electrónica de atención á cidadanía co apoio tecnolóxico e económico da Deputación, remarcou Silva.

Finalmente, a presidenta detívose no preto dun millón de euros en subvencións e convenios cos sectores produtivos vitivinícola e mexiloeiro e nos case 1,7 millóns de euros destinados á promoción turística "de todo o Salnés, porque aquí non hai un só un destino, senón que tódalas vilas teñen un enorme potencial que tamén debería merecer o apoio da Xunta". Así puxo o exemplo dos investimentos por importe próximo aos 900.000 euros na musealización dos xacementos arqueolóxicos da Lanzada (Sanxenxo), Castro Alobre (Vilagarcía), Monte do Castro (Ribadumia) e Mercado dos Mouros (Valga) e deuse apoio aos festivais musicais Revenidas e Atlantic Fest.

Vídeos