Noticias

Castro Alobre en Vilagarcía de Arousa estrea a musealización para a súa posta en valor como icona do turismo cultural e sostible

Carmela Silva: "Esta é unha actuación baseada nos máis altos estándares arqueolóxicos de calidade para amosar o noso poderío neste campo e converternos nun destino que ten como un dos seus grandes valores o patrimonio arqueolóxico"


15 abril 2021
Musealización do Castro Alobre

O xacemento de castro Alobre en Vilagarcía de Arousa estreou hoxe os traballos de musealización, realizados polo Ministerio de Fomento no marco do convenio coa Deputación de Pontevedra, e baseados, como sinalou a presidenta, Carmela Silva, "nos máis altos estándares de calidade arqueolóxica para a súa posta en valor como reclamo cultural e turístico". Neste senso, tanto a presidenta provincial como o alcalde, Alberto Varela, destacaron o "mimo e o respecto" con que se teñen abordado os traballos, que a partir deste momento vanse ir completando con diferentes actividades e actuacións que permitan que tanto a veciñanza como as persoas visitantes poidan coñecer a riqueza patrimonial desta contorna e favorecer a súa promoción.

Na visita a castro Alobre Carmela Silva, acompañada tamén por integrantes do Goberno municipal e polos equipos de arqueoloxía da Deputación e da empresa encargada do proxecto por Fomento, insistiu en que esta "non é unha actuación arqueolóxica como tal, é un proxecto para a posta en valor do xacemento enfocada ao turismo cultural e sustentable que ten unha enorme atracción". A presidenta da Deputación enxalzou "unha intervención que se fixo coa sinerxía de todas as administracións e que foi moi respectuosa, moi integrada na paisaxe e moi ben feita porque vai arrastrando á xente para atoparse finalmente co que realmente importa, que é o castro". Carmela Silva lembrou que na execución das obras seguíronse os parámetros legais e de Patrimonio, que todos os informes foron positivos e que o obxectivo é "amosar ao resto de Galicia, do Estado e a nivel internacional o poderío arqueolóxico que temos nesta provincia e polo tanto converternos nun destino que ten como un dos seus grandes valores o patrimonio arqueolóxico".

"Hoxe é un bo dia para Vilagarcía e a provincia –engadiu–, porque presentamos ante a nosa cidadanía e ante ás e os visitantes unha forma de actuar, de conservar e de valorizar o patrimonio que é fundamental. Nós, que apostamos polo turismo sostible vinculado á cultura, cremos que esta actuación vai permitir aumentar as persoas visitantes e sobre todo o perfil de persoas que queremos que veñan, que é xente que ama a cultura e quere coñecer cal era a historia dos pobos que visita como turista". A presidenta asegurou que se cumpriu o obxectivo do proxecto, que é que "a partir de agora toda a xente que veña visitalo vai ter moitos indicios que está chegando a un lugar verdadeiramente salientable".

Afondando na execución da musealización, Carmela Silva quixo destacar tanto a dilatada experiencia en patrimonio da empresa adxudicataria de Fomento como a continua supervisión á que estiveron sometidos os traballos "tanto por parte de Patrimonio da Xunta e do Estado como do persoal técnico da Deputación, de recoñecido prestixio". "Hoxe podemos dicir que foi unha boa decisión poñer en valor este patrimonio arqueolóxico no conxunto da provincia e particularmente aquí en castro Alobre. Se algún dia se acorda ampliar a escavación estará en moitas mellores condicións que antes , porque todo o que se fixo está recollido e coidado ao máximo. Estou segura de que lle vai gustar ao 99 % da xente que veña. Os gustos son subxectivos, pero obxectivamente non se fixo nunca unha actuación como esta e vaise ver, porque se vai medir polo número de visitantes que van vir".

Aínda que lembrou que o Concello de Vilagarcía de Arousa xa realizara traballos no acceso ao entorno a través do Plan Concellos, a presidenta incidiu en que o resultado final da obra "nada ten que ver co que estaba cando iniciamos a actuación". "A xente vaise sorprender e imos facer un proxecto potente agora de posta en valor, de actividades en colaboración co Concello, entre elas visitas teatralizadas, que atraian xente e permitan que sigamos a sentirnos moi orgullosos e orgullosas de aquelo que fomos. Hoxe somos un lugar importantísimo en Galicia, e ao nivel do Estado e internacional. Pero somos o que somos hoxe porque hai 2.000 anos eramos isto e estas probas que están aquí as temos que coidar, valorizar e seguir mantendo".

Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela, destacou que a cidade "está de parabén, porque en Vilagarcía podemos presumir que todo naceu e creceu en castro Alobre". "É importante –afirmou– porque é recuperar na súa integridade o punto patrimonial máis importante da cidade. É unha actuación harmoniosa e respectuosa co contorno". Varela agradeceu o "mimo" co que a Deputación e o Ministerio trataron o castro e destacou que "isto non é o final, senón que ten que ser o principio do camiño, queda facer outro traballo que é animar a xente a vir a visitar o que temos aquí e mimalo". Aínda que salientou que "quedan agora cousas por mellorar" para completar esta e outras actuacións patrimoniais no concello, asegurou que o obxectivo da intervención "non está conseguido, senón que está moi conseguido".

"Sendo difícil esta posta en valor na que interveñen varias administracións, explicou Varela, liderada pola presidenta e o ministerio, é unha intervención que o que fai é poñer en valor o principal, os castros. Con especial dificultade porque non só se trata de respectar o noso patrimonio, senón tamén de respectar este o entorno natural marabilloso que temos. Isto nos ensina de onde somos e de onde vimos. E nos axuda a interpretarnos, pero tamén é un atractivo máis da cidade que aporta riqueza, non só patrimonial senón como atractivo turístico para a nosa cidade".

Fotos