Noticias

Tui recibe un investimento de máis de 80.000 euros ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

Cun investimento superior aos 950.000 euros, a institución provincial xa leva entregado o 95 % do importe total de Tui dentro do Plan Concellos


18 xullo 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas axudas ao Concello de Tui ao abeiro da liña 1 de Investimentos do "Plan Concellos 2017". Deste xeito, a institución provincial achega en primeiro lugar 49.866,77 euros para a instalación dunha caldeira de pellets e emisores térmicos no edificio da UNED e, por último, outros 30.600 euros co obxectivo de adquirir o Teatro Principal. A suma dos investimentos supón unha achega total de 80.466,77 euros no Concello de Tui.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Tui 529.212,47 euros en liña 1 para a reforma dos vestiarios do complexo deportivo de Álvarez Durán, a ordenación dunha rotonda mailo seu entorno, a reforma das instalacións do conservatorio de música, subministracións varias (un equipo de medición mailo software, un mupi dixital para información turística, un sonómetro e máis material e software informático), a regulación do tráfico da intersección entre a rúa Calzada e a Avenida da Concordia, a adquisición dunha motocicleta para a Policía Local, o acondicionamento dos xardíns de Troncoso, a mellora da pavimentación que une os núcleos das Chans con Circos, a mellora da pavimentación de viarios en Bouzabalada, en Filgueira, entre Parceira e Baldráns e entre Cruxeiras e Rebordáns e, ademais, para a realización da ordenación exterior da escola infantil da vila. A maiores, 20.351,86 euros en liña 2 para diversas actividades como os campamentos de verán, o Entroido ou a Cabalgata de Reis e, finalmente, outros 225.165,30 euros para a contratación de 23 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Tui sitúase neste momento no 95,2 %. Isto supón que o concello xa dispón de 955.753,82 euros dun total de máis dun millón de euros.