Noticias

Tui e Tomiño reciben unha axuda por de máis de 225.000€ ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

As subvencións concédense dentro da liña 1 do plan provincial e destinaranse a melloras de acondicionamento de instalacións deportivas e xardíns


22 abril 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha partida de máis de 225.000 € para os concellos de Tomiño e Tui dentro da liña 1 do "Plan Concellos 2017" destinada a investimentos. A subvención, que ascende a 225.391,62 €, permitirá executar melloras de acondicionamento nas instalacións deportivas de Tomiño e nos xardíns de Troncoso, en Tui.

En concreto, Tomiño recibirá 139.947,22 € para a realización de melloras no terreo de xogo do campo de fútbol da Carballa. Ata o momento, a Deputación concedeu a este Concello 387.890,42€ no marco do "Plan Concellos 2017", é dicir, o 32,42 % do 1.196.341,78€ que lle corresponden a Tomiño neste curso.

Pola súa banda, a institución provincial aprobou unha axuda de 85.444,40 € para Tui destinada aos traballos de acondicionamento dos xardíns de Troncoso. O Concello recibiu xa 310.609,70 € no marco do "Plan Concellos 2017", é dicir, o 30,95 % do importe total que lle corresponde este ano, que ascende a 1.003.489,37 €.

A Deputación leva concedido nos catro primeiros meses do 2017 un total de 5.165.818,69 € ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos", é dicir, un 20,06 % do destinado a investimentos. Esta é a liña con maior dotación económica do programa e supón o 62,5 % do total do plan, cun orzamento de 25.750.000 €  (fronte aos 25 millóns de 2016).

O "Plan Concellos 2017" ten asignada para este curso unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no ano anterior, e entre as súas tres liñas estratéxicas leva aprobado un total de 16,3 millóns de euros desde xaneiro.