Noticias

Tui recibe unha nova achega de preto de 20.000 euros ao abeiro do Plan Concellos 2017

Cun investimento de preto de 975.000 euros, o Goberno provincial de Carmela Silva xa leva entregado a Tui o 97 % do importe total do Plan Concellos


18 agosto 2017
Plan Concellos Tui

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a través dunha Resolución provincial unha nova axuda para o Concello de Tui ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017. Deste xeito, a institución provincial achega un total de 18.817,31 euros para subministrar dun novo equipamento a área de cultura do seu concello.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Tui 710.236,66 € en liña 1 para a actuacións coma a reforma dos vestiarios do complexo deportivo de Álvarez Durán, a ordenación dunha rotonda mailo seu entorno, a reforma das instalacións do conservatorio de música, subministracións varias (un equipo de medición mailo software, un mupi dixital para información turística, un sonómetro e máis material e software informático), a regulación do tráfico da intersección entre a rúa Calzada e a avenida da Concordia, a adquisición dunha motocicleta para a Policía Local, o acondicionamento dos xardíns de Troncoso, a mellora da pavimentación que une os núcleos das Chans con Circos, a mellora da pavimentación de viarios en Bouzabalada, en Filgueira, entre Parceira e Baldráns e entre Cruxeiras e Rebordáns, a realización da ordenación exterior da escola infantil da vila, a instalación dunha caldeira de pellets e de emisores térmicos no edificio da UNED. A maiores, 20.351,86 € en liña 2 para diversas actividades como os campamentos de verán, o Entroido ou a Cabalgata de Reis e, finalmente, outros 225.165,30 € para a contratación de 23 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Tui sitúase neste momento no 97,11 %. Isto supón que o concello xa dispón de 974.571,13 € dun total de máis dun millón de euros.