Noticias

Tonucci: "as cidades valen non tanto polos servizos que ofrecen, senón polo que nos permiten facer como persoas"

O pedagogo italiano criticou hoxe no museo que as nenas e nenos perderon a posibilidade de moverse libremente nas rúas das súas cidades, e salientou que Pontevedra é o modelo que se debe seguir para solucionalo


27 abril 2017
Tonucci

O pedagogo italiano Francesco Tonucci asegurou hoxe na súa conferencia "A autonomía infantil: unha necesidade para as nenas e nenos, un recurso para a cidade e para a escola" que as cidades deben ser valoradas "non tanto polos servizos que ofrecen, senón polo que nos permiten facer como persoas". O acto, organizado pola Deputación de Pontevedra dentro da visita do investigador á provincia, contou cunha presentación a cargo do vicepresidente provincial, César Mosquera, quen salientou que a relación do pensamento de Tonucci co modelo urbano de Pontevedra vai máis alá das influencias, senón que "é dunha profunda simbiose, dunha enorme coincidencia nas bases que soportan ambos".

Tonucci asegurou que é necesario deseñar as cidades á medida de toda a cidadanía e, para non ter dúbidas de que ese parámetro se cumpre, "deben tomarse como medida as nenas e nenos". Insistiu en que é preciso que a cidadanía valore os espazos públicos que se poñen a disposición das veciñas e veciños, devolvéndolles áreas que lles foron retiradas polo uso dos coches, tempo e posibilidades de desenvolvemento persoal, en lugar de ter só en conta os servizos que se poden ofrecer.

"Pontevedra encaixa perfectamente nese modelo de cidade. Podo entrar en coche se o preciso, pero non é a cidade a que mo di, son eu, cidadá ou cidadán responsable, quen decide. Ademais, que poida ir andando ou en bicicleta aos sitios ten que ver coa miña saúde… Ao mellor debo preferir que non me ofrezan unha piscina ou un ximnasio, pero si que a cidade me permita camiñar, que é máis democrático", subliñou o investigador.

Para chegar ás súas conclusións, Tonucci fixo varias análises. A primeira, a da infancia, que perdeu a posibilidade de moverse fisicamente no seu ámbito, de xogar e de descubrir actividades. "O xogo é creatividade e invención. Os parques de xogos das cidades son lugares de segregación para as nenas e nenos. Se as e os nenos non teñen suxestións sobre que facer, como os tobogáns ou as randeeiras, non teñen máis remedio que inventar, e esa creatividade é o máis importante que se debe potenciar", explicou.

Igualmente, o pedagogo subliñou os custos de que as nenas e nenos non teñan a posibilidade de xogar de maneira autónoma. Asegurou que as pequenas e pequenos que non viven libremente as tardes despois de saír da escola, ademais de poder ter problemas de obesidade, tampouco teñen experiencias que levar ao colexio ao día seguinte. "É recomendable vivir as tardes de xeito pleno para logo contar as cousas interesantes. Na escola é preciso moverse sobre a vida e non sobre os programas educativos. A mellor escola é a que se preocupa sobre a vida das súas alumnas e alumnos", destacou.

Finalmente, despois de facer todas estas reflexións, Tonucci asegurou que unha cidade con presenza de nenas e nenos supón unha aposta de éxito. "As nenas e nenos son como vixilantes. Se están na rúa obrígannos aos adultos a portarnos mellor. Axudan a vixiar coa súa presenza, en lugar de controlar con multas, o que fai que non comportemos civilmente no espazo público como se fose un espazo privado", finalizou.

Filosofía que golpea conciencias

O vicepresidente provincial, César Mosquera, asegurou na presentación da conferencia de Tonucci que o pensamento do pedagogo e o modelo urbano de Pontevedra teñen unha relación de "profunda simbiose" pola enorme coincidencia nas súas bases: radicalidade democrática, ambiente agradábel e á medida humana, eliminación dos privilexios e escoitar a todas e a todos tanto na escola como nos espazos públicos.

Mosquera destacou que a filosofía do investigador "é actual e proxéctase no futuro inmediato, ataca un dos máis severos problemas actuais, (…) o malestar urbano, e dá solucións de futuro. Ademais propón solucións realizábeis, cando menos en gran parte, que só precisan de vontade para facerse efectivas. Golpea conciencias".