Noticias

Mosquera: "declararse fan de Tonucci e non ter valor para aplicar as súas ideas é o grande perigo que corremos"

Representantes de concellos e entidades da Rede Española de Cidades das Nenas e Nenos de fóra de Galiza loaron hoxe o modelo urbano de Pontevedra logo de percorrer a cidade


25 maio 2017
Visita a Pontevedra

Representantes de concellos e entidades da Rede Española de Cidades das Nenas e Nenos e do proxecto Tonucci que están a participar no encontro de 2017 organizado pola Deputación loaron hoxe o modelo urbano de Pontevedra logo ver in situ como o espazo público tense recuperado para toda a cidadanía. Tanto a presidenta como o vicepresidente provinciais sinalaron que as administracións deben traballar para converter as cidades en espazos de convivencia "máis amables para vivir", polo que instaron ás persoas participantes no encontro, tanto de fóra de Galicia como da provincia, a traballar nos seus concellos nesa dirección.

As persoas asistentes ao encontro das universidades do País Vasco e Zaragoza, así como do Innobasque, do Parque das Ciencias de Granada, do Museu Blau de Barcelona, e a Asociación Pedagóxica Frato, de concellos de Granada, Picanya, Rubi (Barcelona), Bilbao, Aldaia, Lleida, Fuerteventura, Barcelona, Carbajosa de la Sagrada (Salamanca), Solasgune (Biscaia), Xaén, Erandio, Guipúscoa, Huesca, Tolosa, Ermua e outras localidades percorreron parte das rúas do centro histórico e tamén da parte nova da cidade da man do intendente xefe Daniel Macenlle e do asesor de Mobilidade Jesús Fole.

Unha vez coñecida a cidade, o vicepresidente Mosquera foi quen realizou, xa pola tarde, un relatorio sobre as motivacións políticas que levaron a facer os cambios urbanos na capital da provincia. O nacionalista sinalou que a relación do pensamento de Tonucci co modelo urbano de Pontevedra vai moito mais alá da inspiración puntual de certas medidas. "Atreveríame a dicir que é unha profunda simbiose, unha enorme coincidencia nas bases que soportan a ambos: a radicalizade democrática de integrar as necesidades de todas e todos… De eliminar privilexios tanto na escola como nos espazos públicos e promover un ambiente agradábel e á medida humana. Escoitar a todas e todos, non só aos que se erixen en portavoces", asegurou.

A cidade das nenas e nenos: unha cidade para todas e todos   

Neste sentido, Mosquera fixo unha especie de comentario de texto sobre a viñeta da figura que está na entrada do Pazo provincial acompañando a unha figura de Tonucci: "Unha cidade adecuada ás nenas e nenos é unha cidade adecuada para todas e todos". Así, a partir de aí destacou que "queriamos unha cidade adecuada, feita á medida, que responda ás necesidades e intereses, que permita a máxima autonomía de todas e todos, en xeral, de toda condición. Coas ideas básicas, de fondo ben claras, con valentía e decisión, e coa mente aberta, aprendendo de todas as experiencias e de todas as fontes de inspiración, pódese transformar unha cidade no camiño a converterse na Città dei bambini", subliñou.

O vicepresidente, en calquera caso, tamén foi moi claro e crítico. Destacou que a transformación urbana de Pontevedra foi consecuencia do valor das ideas e principios sen aplicar ningún plan sofisticado. "Poderíamos ser ou ter especialistas en todas as solucións técnicas de variados asuntos, pero sen as ideas de fondo, profundas, pouco ou nada se ía a avanzar. A experiencia de Pontevedra demostra que coas ideas claras e a disposición a polas en práctica, as medidas e solucións concretas brotan, xorden, aparecen, encaixan", subliñou.

Ante iso, deseñouse unha cidade que resposta ás necesidades e intereses e permita a máxima autonomía: "para nenas e nenos, en toda a súa amplitude: bebés en carriños, cando comezan a andar, cando van ao cole, cando van a xogar, a visitar amiguiñas e amiguiños... Para todas e todos: comercio, actividade residencial, persoas. Todas e todos, en xeral, de toda condición. Resístome a usar o termino peón ou viandante; nace por oposición a automobilista ou motorista. E as demais actividades? A partir destas ideas, tan simples e lóxicas, comezamos o proceso de reconstrución da cidade", asegurou.

Así, Mosquera instou ás persoas asistentes a tomar exemplo do modelo de Pontevedra sempre "cunha mirada crítica sobre o que temos feito. Temos avanzado e desenvolvido moitas cousas, pero tamén hai que sacar conclusións non só do bo, senón tamén das limitacións". "Metédenos o dedo no ollo se fai falta para que a vosa viaxe sexa produtiva", dixo.

Xa para rematar, Mosquera quixo subliñar ante as e os técnicos e políticos presentes que "declararse fan de Tonucci e non ter a decisión e o valor para aplicar as súas ideas, buscar subterfuxios evasivos, é o grande perigo que corremos e que xa estamos a vivir".  

"O pensamento de Tonucci ten unha dimensión acusadora, inquietante, desacougante: ataca problemas actuais e da solucións de futuro. Propón a revolución educativa e urbana necesaria nestes tempos cunha proposta realizábel, cando menos en grande parte, que só necesita vontade para realizarse. Golpea conciencias e dinos: Pódese facer, se non se fai e porque non se toma verdadeiramente en serio o problema", destacou. Neste sentido, salientou que Tonucci está a ser identificado cos camiños escolares, cando "case sería o menos importante do seu ideario".

Recepcións oficiais

Durante a mañá as e os asistentes ao encontro da Rede de Cidades das Nenas e Nenos foron recibidos no Pazo provincial pola presidenta e o vicepresidente. Carmela Silva lembrou o traballo feito na provincia de Pontevedra, onde están adheridos á rede Tonucci 22 concellos e subliñou que a Deputación "ten un enorme compromiso" coa filosofía do pedagogo de poñer ás crianzas como parámetro para deseñar os espazos urbanos e facer que desenvolvan a súa propia autonomía. "Temos que cambiar na sociedade o nivel de proteccionismo insoportable para que as nenas e nenos se desenvolvan en plenitude", dixo, e asegurou que a toma de decisións ao respecto só pode chegar desde a "proximidade" das administracións locais.

"Os vehículos roubáronnos un espazo que é noso para desenvolver proxectos sociais comúns. Pontevedra é unha cidade promotora na recuperación do espazo público e no proxecto de cidade das nenas e nenos. Camiñas polas súas rúas e ves que se moven libremente facendo que o espazo público sexa máis agradable para vivir. Queremos facelo posible tamén nos 22 concellos adheridos. Estamos encantadas e encantados e felices de traballar nese sentido", asegurou.

Por outra parte, as persoas asistentes ao encontro tamén foron recibidos polo alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, quen sinalou que o Goberno local leva traballando 18 anos nun modelo de cidade definido logo de estar 12 anos na oposición. " Logo de estudar tendencias sobre autonomía, capacidade ambiental, calmado do tráfico, coñecido a filosofía Tonucci… aplicámolo en Pontevedra, recuperándoa para as persoas como lugar de convivencia e cohesión social", asegurou, para deixar claro que non hai que ter medo politicamente a tomar decisións que beneficien ao conxunto da cidadanía. " Hai que ter claro que os modelos urbanos son decisións políticas", sentenciou.