Noticias

Escolares do CEIP Manuel Vidal Portela, de visita na exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" da Deputación de Pontevedra

As rapazas e rapaces de 6.º de Primaria realizaron xogos e experimentos ademais de coñecer as viñetas de Francesco Tonucci


11 maio 2017
Alumnos do Manuel Vidal Portela na exposición de Tonucci

Medio cento de rapazas e rapaces de 6.º de Primaria do CEIP Manuel Vidal Portela realizaron na mañá de hoxe un percorrido guiado pola exposición "Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato" que a Deputación de Pontevedra mantén aberta no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o 11 de xuño. Alí puideron coñecer as viñetas máis representativas de Francesco Tonucci, que aportan unha visión do mundo moi crítica da educación e das cidades a través dos ollos das crianzas, e tamén participaron no grande espazo de xogos que é a exposición para desenvolver libremente a súa autonomía, a súa creatividade e a súa capacidade para aprender e construír.

As e os escolares coñeceron os dez espazos expositivos diferenciados da mostra que animan á interacción e a pasar un tempo de entretemento e reflexión. Os dous primeiros espazos son unha selección das mellores viñetas e orixinais do autor, para despois desenvolver outras áreas do máis divertido e interactivo para as persoas visitantes: o da bicicleta, espazo para gozar, investigar e aprender (onde se permite montar e desmontar as bicicletas e coñecer o seu funcionamento); o espazo das construcións chamado "Pequenas pezas, grandes creacións" e o dos xoguetes, onde se demostra que a xogar non se aprende, pero xogando apréndese.

Por outra banda, estiveron no espazo "Teño unha idea. Propostas para seguir inventando", onde a partir das palabras, das formas e das accións as persoas visitantes puideron compartir as súas creacións
–debuxos, escritos etc.– e expoñelas na propia sala. Finalmente, na zona de natureza, seguindo a metodoloxía de Francesco Tonucci, realizaron un achegamento ao ambiente a través da creación e o xogo. Nesta zona hai un herbario, peixes de cores, unha piscina na que experimentar como os elementos flotan ou se afunden, e como a auga pode funcionar como pegamento. Incluso hai un composteiro no que as pequenas e pequenos puideron ver como se pode tirar proveito do lixo orgánico para producir un fertilizante natural de grande calidade como é o compost. Tamén hai dous areeiros nos que experimentaron deixando as súas pegadas e simularon as de diferentes animais.

Tiveron tempo para participar no espazo do "Consello das nenas e nenos", a ágora do Pazo da Cultura, onde debateron sobre temas tan actuais como que modelo deben seguir as cidades para converterse nas cidades das nenas e nenos que propón Tonucci, ou a necesidade de deberes e actividades extraescolares.

Fotos