Noticias

Últimos días para visitar a exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" no Pazo da Cultura, que pechará o domingo 11 de xuño

Dez colexios realizarán as últimas visitas concertadas e os derradeiros "Roteiros Tonucci" ata o venres


06 xuño 2017
Nenos xogando na mostra Tonucci

A exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a traxectoria e as viñetas de Francesco Tonucci encara xa a súa recta final. O último día para visitala será este domingo día 11 en horario de mañá.

A mostra está a resultar todo un éxito, xa que a mediados de maio xa superaba os 4.000 visitantes, cifra na que se contan tanto as visitas concertadas cos colexios de toda a provincia como tamén as realizadas de xeito libre por grupos, asociacións, entidades e veciñas e veciños de Pontevedra e outros concellos. Nos vindeiros días están organizadas as recepcións de grupos de escolares dos CEIP A Xunqueira I, CEP Pedro Caselles –Tomiño–, CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, CRA Antía Cal de Gondomar, CEIP A Xunqueira II, EEI de Vilariño de A Pobra do Caramiñal, CEIP Otero Pedrayo de Vigo, CEIP Santa Mariña Becerreira Cabral de Vigo e do CEIP CEIP Plurilingüe de Guillarei, de Tui.

En total, pasarán pola exposición –de xeito concertado– 57 centros educativos de 24 concellos da provincia e outras localidades do país, estando adheridos dez deles ao proxecto Cidades das Nenas e dos Nenos de Francesco Tonucci, que propón que os espazos públicos se deseñen á medida das crianzas para que sexan válidos para o resto da cidadanía.

A exposición "Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato" fai un percorrido polas viñetas máis representativas de Francesco Tonucci –asinadas co seudónimo de Frato desde hai 50 anos–, que aportan unha visión do mundo moi crítica a través dos ollos das crianzas. Ao mesmo tempo ofrece un grande espazo de xogos e obradoiros para que nenas e nenos desenvolvan libremente a súa autonomía, intelixencia, creatividade e a súa capacidade para aprender e construír: hai un obradoiro de bicicletas, un para crear figuras de construcións, un espazo de xogos tradicionais, un área de natureza para facer experimentos e incluso zonas de teatro e debate abertas a todas as persoas. O que se busca, principalmente, é a interacción coas persoas visitantes.

A exposición está aberta ao público no Pazo da Cultura, DE BALDE, durante todos os días da semana nos seguintes horarios:   
Luns: de 10 a 14 horas              
Martes a Venres: de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas            
Sábados: de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas      
Domingos: de 11 a 14 horas

Roteiro Tonucci

Ademais da exposición do Pazo da Cultura, a Deputación segue a realizar os chamados "Roteiros Tonucci" da man de Migallas Teatro. A intención é que pequenas e pequenos de diferentes vilas da provincia –e tamén da capital– gocen da cidade de Pontevedra, considerada a cidade das nenas e dos nenos polo propio Francesco Tonucci, aproveitando os espazos públicos gañados ao coche.

Os roteiros finais serán mañá mércores, o xoves e o venres, con rapazas e rapaces dos CEIP Manuel Vidal Portela, Froebel, Xunqueira I, Xunqueira II (de Pontevedra) e do CEIP Plurilingüe de Guillarei (Tui). En total, unha vez finalizadas estas actividades, terán gozado das xincanas pola cidade preto de 800 nenas e nenos de toda a provincia.

 

Fotos


Novas relacionadas

Tonucci

27 abril 2017, mobilidade, movilidad, francesco tonucci, provincia tonucci, frato