Noticias

Rapaces e rapazas de Verducido aprenden xogando que é a compostaxe

A Deputación e o CEIDA realizaron hoxe na Escola de Educación Infantil unha xornada de obradoiros na que pequenas e pequenos coñeceron o "colémbolo", a mascota do Plan Revitaliza


02 marzo 2017
Neno xogando

Rapazas e rapaces da Escola de Educación Infantil Verducido participaron hoxe nunha xornada de obradoiros na que, da man da Deputación e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), aprenderon xogando en que consiste a compostaxe. As 31 pequenas e pequenos –de ata oito anos– participaron no xogo da miñoca, no que coñeceron o colémbolo, un verme que se converteu na mascota educativa do Plan Revitaliza da Deputación.

A intención destes obradoiros é concienciar tanto a profesoras e profesores coma o alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar da importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

O profesorado e membros da ANPA da EEI Verducido xa participaron o pasado mes de febreiro nunha xornada de formación, na que se incidiu en que a xestión de residuos é un dos principais problemas ambientais aos que diariamente se teñen que enfrontar os concellos. Tamén se destacou a importancia da colaboración da poboación para reducir os elevados custos da recollida e do tratamento dos residuos, separando e levando a materia orgánica aos composteiros individuais ou colectivos.

Hoxe foi a quenda de pequenos e pequenas, que participaron no mencionado xogo da miñoca, unha variación do xogo da oca. Nesta actividade, as nenas e os nenos, formando equipos, tiveron que pasar unha serie de probas e preguntas sobre compostaxe (sobre que tipo de elementos se poden botar no composteiro, como se produce o proceso ou que pasos hai que dar para chegar a ter un bo compost). Polo medio da proba houbo que "salvar" algúns contratempos como, por exemplo, atrasar casiñas ou pasar xogadas sen tirar cada vez que se caía na icona de accións irreparables para a compostaxe, como son a achega de pintura ou medicamentos ao composteiro, esquecer pechar a tapa deste…

Ao longo das vindeiras semanas o alumnado tamén participará nun obradoiro co título "Quen vive aí?", no que se lles ensinará aos pequenos e pequenas a identificar os invertebrados presentes no composteiro (cochinillas, bichiños bola, cadelas de frade… ) ea súa importancia no proceso da compostaxe. Finalmente, o vindeiro día 30 de marzo realizarase unha visita a algún dos centros de compostaxe comunitario que a Deputación ten instalados no Concello de Pontevedra.

Este programa educativo, que están a levar adiante a Deputación e o CEIDA mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, está dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros próximos aos composteiros comunitarios implantados pola institución provincial. Os colexios, ademais das actividades que se desenvolveron en Verducido, poden solicitar tamén outro tipo de obradoiros coma "Poñendo en marcha o composteiro" ou ‘'A voltas coa compostaxe', dirixidos a alumnado doutras idades, así como unha exposición itinerante.

A Deputación de Pontevedra, co Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de plantas de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe, tanto a escala individual coma comunitaria e comarcal.