Noticias

Ata 100.000 veciñas e veciños da provincia beneficiaranse da compostaxe grazas ás novas subvencións do Plan Revitaliza

O vicepresidente provincial pretende que a mediados de 2017 xa haxa concellos que apliquen a compostaxe como sistema de xestión de lixo


03 nov 2016

Ata 100.000 veciñas e veciños da provincia beneficiaranse da compostaxe grazas ás novas subvencións do Plan Revitaliza. O vicepresidente César Mosquera así o asegurou hoxe na reunión que mantivo con alcaldes, concelleiros e técnicos para explicar as liñas de axuda da segunda fase do programa provincial que, para este ano, ascenden a 1.250.000 euros e permitirán aos concellos mercar composteiros individuais e comunitarios. Segundo indicou, "o obxectivo é que a mediados de 2017 boa parte da provincia aplique a compostaxe como sistema de xestión do lixo".

No encontro cos representantes municipais Mosquera explicou que os concellos teñen de prazo ata o 19 de decembro para formalizar en Pleno ou aprobar en Xunta de Goberno a súa adhesión formal ao Plan Revitaliza. Este compromiso busca garantir que o concello traballará durante este mandato para cumprir coas obrigas legais de, no ano 2020, tratar alomenos o 35% da fracción orgánica do lixo que produce o municipio mediante compostaxe.

Unha vez formalizada a adhesión os concellos poderán beneficiarse de tres liñas de colaboración: formación de persoal, elaboración dun plan de residuos e subvención de compra de composteiros. A primeira liña, de formación de persoal, pretende dar coñecementos básicos  a traballares das contratas, municipais ou incluso veciños voluntarios interesados, coa finalidade de que realicen traballos ordinarios nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) que serían tutelados polas mestras e mestres composteiros da Deputación.

En segundo lugar, os concellos adheridos poderán dispoñer dun plan de residuos individualizado para cada concello no que ademais de contabilizar que parte da poboación do municipio pode compostar de xeito individual, comunitario ou por planta de tratamento, terá en conta cuestións como o tipo de recollida ou a existencia de produtores singulares e a súa xestión. "É preciso definir en cada lugar estudando as casuísticas individuais porque as peculiaridades de cada concello son moi diferentes", dixo o vicepresidente, para indicar que, se ben a Deputación fará estes traballos de xeito gratuíto para os concellos, o custe de encargalo a unha empresa podería chegar aos 150.000 euros para cada municipio.

Finalmente, Mosquera explicou que os concellos que dedican sumarse ao Plan Revitaliza poderán aproveitarse tamén de sucesivas liñas de axudas económicas ata final do mandato. Neste exercicio, dixo, vén de habilitarse unha partida de 1.250.000 euros que permitirá subvencionar a compra de composteiros individuais e comunitarios aos concellos. "Con esta cifra poderemos chegar a unha cobertura de entre 80.000  e 100.000 habitantes nun primeiro momento", subliñou.

Con respecto aos criterios para optar ás subvencións que saíron publicadas no BOPO o 19 de outubro, o vicepresidente salientou que, dado que a intención é que as axudas estean concedidas a primeiros do ano 2017, a selección realizarase en función da simplicidade de aplicación da compostaxe en cada concello. "Se un concello pequeno que ten unha poboación dispersa solicita as axudas seguramente terá máis puntuación que unha vila máis complexa. Queremos que este ano as axudas teñan garantía de solvencia e de bos resultados", asegurou o nacionalista.

Neste sentido tamén abondou o técnico de residuos Carlos Pérez, quen destacou que non haberá "café para todos", senón que o mecanismo de selección será fundamentalmente práctico e dirixido a concellos que retiren facilmente o colector verde "e así demostrar con números o resultado de grande aforro económico nas súas contas no prazo dun ano".

César Mosquera animou aos concellos a apostar pola compostaxe de forma inmediata e subliñou, de feito, que a primeira subvención permitirá, probablemente, "que os primeiros concellos que se adhiran saian economicamente beneficiados". De feito, indicou que  o 1,25 millóns de euros inicial repartirase entre os solicitantes e que, de non cubrirse o número previsto, a porcentaxe de subvención poderá subir do 50 ata o 90%.

En canto ao aforro para as arcas municipais que suporá a aplicación da compostaxe como modelo de xestión, Mosquera foi claro e asegurou que a inversión necesaria estará amortizada polos concellos no prazo dun só ano. "Temos datos dalgún concello que xa está reducindo o volume de lixo que manda a Sogama e nótao na conta de resultados. Os centros de compostaxe comunitaria retiran moita tonelada de lixo… ", afirmou. Segundo os cálculos feitos polos técnicos, cada CCC instalado consigue tratar un mínimo de 16 toneladas de orgánicos ao ano. Tendo en conta que o custe medio de tratamento e transporte por tonelada de lixo na provincia está nos 191 euros -dos que 76 euros corresponden ao pago a Sogama-, o aforro está asegurado e permitiría paliar aos concellos o grave déficit que a xestión do lixo supón a día de hoxe.

As liñas económicas de subvencións para que os concellos merquen composteiros continuarán ata final de mandato, aínda que está por definir a contía das novas partidas orzamentarias da DEPO.

Máis de 50.000 aportacións

Por outra parte, Mosquera tamén explicou aos responsables municipais que asistiron ao encontro que a primeira fase do Plan Revitaliza, que buscaba exemplificar a viabilidade dos composteiros, está implantada con grande éxito e mínimas incidencias. Sinalou que durante o tempo que levan instalados os diferentes CCC apenas houbo incidencias e o comportamento da cidadanía foi "exemplar".

Así, das 50.000 aportación de residuos orgánicos de veciñas e veciños, apenas se produciron arredor dunha decena de pequenos incidentes, ben porque se depositaron impropios nos composteiros (materiais non orgánicos), porque se deixaron os orgánicos sen retirar a bolsa de plástico ou porque se aportou demasiada cantidade de lixo e non o suficiente estruturante para a mestura, cuestión que foi solucionada polas mestras e mestres composteiros de xeito inmediato.

En canto ao proceso da compostaxe nos CCC Mosquera destacou que está indo a un ritmo moi elevado "e case inaudito", xa que a maduración do compost que se prevía obter en sete ou oito meses estase obtendo en apenas tres "cunha grande calidade". "Os mellores compost teñen unha proporción de nitróxeno que está no 1,5%-2%. Nós estamos case no 4%, o que da unha imaxe do ben que se está a facer… Ata os técnicos máis entendidos din que terán que estudar como é que ocorre isto", subliñou.

Na reunión estiveron presentes representantes duns 30 concellos da provincia de todos os signos políticos: Tomiño, Cambados, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas, Porriño, Mondariz, Vilaboa, Valga, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Moaña, Cangas, Bueu, O Grove, Silleda, Soutomaior, Barro, Caldas, Baiona, A Guarda, O Rosal, Campo Lameiro, As Neves, Vilagarcía, Pontevedra…. Mosquera agradeceu que, salvo pequenas cuestións puntuais, o tema da xestión de lixo se teña deixado a un lado na discusión e o enfrontamento político ata o de agora. Salientou "que foi un erro" facer un uso partidista dunha cuestión técnica que debe estar pensada con criterios rigorosos.

A pesares de ter de prazo ata o vindeiro 19 de decembro para formalizar as adhesións ao Plan Revitaliza, son xa varios os concellos que presentaron ou manifestaron a súa solicitude: O Grove, Pontevedra, Campo Lameiro, Marín e O Porriño.


Novas relacionadas

Neno xogando

02 marzo 2017, compost, compostaxe, obradoiro