Noticias

Pontevedra e Cambados acollen novos obradoiros de "SmartPeme"

"SmartPeme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia


28 nov 2016
SmartPeme

Pontevedra e Cambados acollerán durante todo o mes de decembro, unha serie de obradoiros ao abeiro do programa "SmartPeme" da Deputación. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e de mozos e mozas autónomas. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

En Pontevedra, terán lugar no Edificio Administrativo da Deputación. As quendas, todas elas en horario de 19:00 horas, son as seguintes: o venres 2 de decembro, "A túa páxina web con WordPress (Continuación)". O xoves 15, "Crea unha nube de información privada para a túa empresa" e, por último, o martes 20 "Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google?". A oficina "SmartPeme" de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n.

En Cambados, se realizarán no Centro ExpoSalnés, tamén en horario de 19:00 horas: o venres 2 de decembro, "Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións". O martes 13 impartirase "Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite" e, por último, o luns 19 de decembro, "Facebook Ads". A oficina "SmartPeme" de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada

Lembramos que o novo proxecto "SmartPeme", en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos".  Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se poñen en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.