Noticias

Lalín acolle durante este mes de novembro seis novos obradoiros de "SmartPeme"

"SmartPeme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia


05 novembro 2017

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante o mes de novembro, seis obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

En canto aos obradoiros programados para Lalín no mes de novembro, todos eles en horario de 19 horas, terán como primeiro evento "Ferramentas de Google para a promoción de negocios", que terá lugar este luns 6 de novembro. Posteriormente, o mércores 8 organizarase o obradoiro "Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio". A seguinte semana, o mércores 15, Lalín tamén acollerá "Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope...". A seguinte cita será o martes 21 de novembro, cando terá lugar na vida do Deza o obradoiro "Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico". Esa mesma semana, o xoves 23 de novembro, terá lugar o obradoiro "Comercio electrónico para micropemes". Por último, neste mes de novembro, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 será o lugar de celebración do obradoiro "As redes sociais para vender os teus produtos de alimentación", o luns día 27. A oficina "SmartPeme" de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto "SmartPeme", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as persoas emprendedoras, as asociacións empresariais e as e os axentes de dinamización en concellos". Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están pondo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC ás e aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.