Noticias

A Deputación de Pontevedra pon en funcionamento os cursos formativos do programa "Conectadas 2017"

"Conectadas 2017" comezará nos concellos da Lama e Vigo con cursos formativos relacionados coa cultura musical tradicional e a saúde


17 xullo 2017
conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en funcionamento os cursos formativos do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. Os concellos da Lama e Vigo serán os primeiros en acoller accións formativas que teñen por obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica. En concreto, as persoas que asistan a estes primeiros cursos de "Conectadas 2017"  recibirán formación relacionada coa cultura musical tradicional e o deporte e a saúde.

O programa de Igualdade "Conectadas 2017" arranca, desta maneira, cun obradoiro de Pilates que terá lugar desde mañá, martes, no local da Casa do Pobo da Xesta, na Lama, da man da Asociación de Veciños de San Bartolomé da Xesta. O segundo dos obradoiros que se inician esta semana terá lugar o venres na Asociación Cultural Traspés de Vigo e versará sobre Percusión e Canto Tradicional.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías. A través deste programa, promovido polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, preténdese potenciar a participación e a promoción das mulleres e tamén así favorecer a súa posición na sociedade.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra, que inviste en "Conectadas 2017" 324.000 euros, agarda que esta nova edición do programa supere a alta participación do ano pasado, cando foron máis de 5.000 as persoas que se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas

30 xullo 2017, lalín, soutomaior, conectadas, ponteareas, arbo, conectadas 2017, deputación de pontevedra