Noticias

Os deputados Santos Héctor e Javier Dios visitan en Crecente as obras de acondicionamento da piscina municipal financiadas polo Plan Concellos 2016

O deputado delegado de Turismo lembrou que o investimento do plan para este ano 2017 na vila se sitúa en case 400.000 €


02 febreiro 2017
Visita á piscina

O deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, e o de Promoción Económica, Javier Dios, visitaron hoxe en Crecente, acompañados polo alcalde Julio García Luengo, algunhas das actuacións desenvolvidas na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopan o acondicionamento da piscina municipal da vila. En concreto, esta actuación, enmarcada na liña 1 do plan, supuxo un investimento de preto de 49.000 € a través dos cales se mellorou un equipamento municipal de lecer, ocio e tempo libre.

En concreto, tal e como informou Rodríguez, "a achega da Deputación de Pontevedra permitiu a Crecente instalar, renovar e acondicionar o vaso da piscina, así como os mecanismos, vestiarios e a contorna, renovouse o céspede, cambiáronse as baldosas de gres do bordo da piscina e reparáronse as da praia, colocáronse soportes para salvavidas, instaláronse termos de auga quente nos vestiarios e cambiáronse as luminarias".

O deputado lembrou  que o Plan Concellos 2016 destinou a Crecente 390.000 €, o que supuxo un 15,5 % máis que durante o ano 2015. Tamén subliñou o deputado que "grazas a este plan, amais das obras na piscina municipal, aprobáronse no marco da liña uns investimentos para mellorar a seguridade viaria no concello, acondicionar o tanatorio e a casa cultural de Albeos, cubrir a pista polideportiva en Filgueira, mercar un remolque, mellorar muros e camiños, así como o alumeado público".

En termos globais, Santos Héctor tamén recordou que "durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra fixo un investimento de medio millón de euros na vila de Crecente, facendo que os veciños e as veciñas deste concello poidan ter unha mellor calidade de vida" e reiterou que "este Goberno provincial seguirá apostando polos pequenos concellos, que son os que máis necesitan a actuación directa da Deputación de Pontevedra".