Noticias

Uxío Benítez recibe ao alcalde de Crecente para falar da mellora das estradas provinciais

O deputado provincial de Mobilidade asegurou que os técnicos provinciais estudarán a viabilidade dunha actuación integral no treito urbano da estrada de acceso a Ponte Frieira


04 mai 2016
Crecente

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, recibiu onte ao alcalde de Crecente, Julio César Luengo, para falar da mellora das estradas provinciais no concello da Paradanta. O responsable de infraestruturas viarias da Deputación asegurou que os técnicos estudarán a viabilidade dunha actuación integral de reurbanización no treito urbano da estrada de acceso a Ponte Frieira (EP-5302) co fin de aumentar a seguranza viaria na zona e garantir a mobilidade peonil dos veciños.

Benítez recibiu a Luengo na súa rolda de contactos cos alcaldes de toda a provincia xunto coa nova directora provincial de Mobilidade, Isabel Pardo de Vera. Ambos recolleron as solicitudes do rexedor e puxeron de manifesto as actuacións de conservación e mantemento que están previstas para a zona, como a reposición de sinalizacións, limpezas e melloras de cunetas, desbroces e outros traballos que se executarán de forma progresiva.

O rexedor, que asistiu ao encontro acompañado do técnico Diego Conde e dun representante da Policía Local, aproveitou tamén para solicitar a pavimentación dos treitos antigos da EP-5005  que quedaron logo de realizar as variantes de trazado actuais no lugar de Nogueira. Luengo comprometeuse co deputado a que o Concello recepcionaría esas vías logo de ser melloradas, deixando de formar parte da rede de estradas provinciais.

O Plan Móvese foi outro dos puntos a tratar na reunión. O Concello de Crecente tiña solicitado actuacións de mellora da seguranza viaria mediante o calmado de tráfico. Así, entre outras propostas, requiriu a instalación de pasos de peóns sobreelevados na vía entre A Cañiza-Pousa (PO-400). Os técnicos provinciais están a realizar as últimas valoracións, que se remitirán ao concello nas vindeiras semanas.

O Concello de Crecente conta con sete estradas provinciais: de acceso á estación de Pousa, a Ponte Frieira, entre Padrosos e Ameijeiras, Villar e Albeos, Valeixe e Villar, Cañiza e Pousa e Lomba-Albeos. Todas, cos treitos compartidos cos concellos de A Cañiza e Arbo, suman máis de 29 quilómetros.