Noticias

A Deputación inicia as obras para reparar os danos da estrada de acceso á ponte Frieira en Crecente

Segundo indicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, os traballos deben estar finalizados ao remate do mes de abril


10 marzo 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras para reparar os danos da estrada provincial de acceso á ponte Frieira en Crecente (EP-5302) e, segundo indica o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, deberán estar finalizadas ao remate do mes de abril. A actuación consistirá na reposición do noiro de sostemento que quedara derrubado cos temporais do inverno pasado, na instalación dun muro, na rehabilitación estrutural do firme e na instalación dunha nova barreira de seguridade. O orzamento é de 19.710 euros e a empresa adxudicataria é Narom SL.

As obras que se están a realizar nestes primeiros días, segundo indicou Benítez, consisten no desmonte da barreira de seguridade, na demolición da cuneta afectada, no corte do pavimento e no derrubamento e limpeza de cunetas e bueiros. Posteriormente realizarase unha cimentación da base e construirase un muro de contención de sete metros de lonxitude e seis metros de altura, así como un muro de repé de dez metros de lonxitude e 1,5 metros de altura na zona de desmonte.

Finalmente, realizarase unha rehabilitación estrutural do firme, cortando e demolendo o pavimento afectado, instalando unha nova base de balastro e de mestura bituminosa. En canto ás obras de drenaxe, construirase unha cuneta triangular dun metro de largo con dúas baixantes prefabricadas de formigón para canalizar as augas procedentes da PO-400. Tamén se instalará unha nova barreira de seguridade.

Segundo confirmou o deputado, que recoñeceu que os trámites administrativos do contrato se demoraron máis do previsto (o proxecto de actuación estaba listo en agosto de 2016), as obras pretenden asegurar canto antes a estrutura da estrada xa que nestes momentos o afundimento do noiro compromete a estabilidade da vía e a seguranza viaria.