Noticias

Cambados recibirá este ano preto do millón de euros do Plan Concellos da Deputación, un 2 % máis de recursos que o ano pasado

Durante o pasado ano 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva achegoulle en total á vila de Cambados investimentos por máis de 1.700.000 euros


20 xaneiro 2017
Cambados

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano 2017 un 2,1 % máis de recursos ao concello de Cambados no marco do Plan Concellos. Deste xeito, a vila da comarca do Salnés recibirá un total de 923.739,30 €, 18.625,83 € máis que en 2016, o que se traduce nun incremento do 2,1 % dos recursos que recibiu respecto ao ano pasado, no que xa tivera un 49,5 % de incremento respecto a 2015 (é dicir, 299.856,41 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Cambados recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Cambados un total de 1.746.651,56 €, dos cales 905.113,47 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 14.000 € en mobilidade, 75.000 € en cohesión social e xuventude, 35.000 € en cultura e lingua, 78.000 € para o fomento do emprego, 49.000 € para o impulso do deporte, 16.000 € en medio ambiente, 6.000 € en materia de turismo e outros 8.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos, investíronse 531.605,96 € para a realización da mellora da capa de rodaxe, dotación de beirarrúas e asfaltado de Burgáns, o soterramento dos tendidos eléctricos na rúa Real, a adquisición de maquinaria para o servizo de limpeza municipal, a dotación de biosaudables a carón do parque infantil de Castrelo, a pavimentación de camiños, a mellora da iluminación pública de diversas parroquias, o ancheamento dunha vía na rúa Cruceiro, a mellora dos servizos urbanísticos da rúa Bimbio, o acondicionamento de vías en Vilariño, a estación de bombeo de augas residuais en Laxes (Corvillón), a mellora das pistas de tenis e da superficie da pista de atletismo do Pombal, a dotación de contedores soterrados na rúa Curros Enríquez, a mellora na iluminación pública de varias parroquias, a dotación dunha caldeira de biomasa para o centro sociocultural da Merced, a dotación de beirarrúas e aparcadoiros no polígono industrial do Salnés e a adecuación do quiosco do Torrado. Ademais, 135.767,02 € para sufragar gastos correntes a través da liña 2, 33.941,76 € na liña 3 destinados a diversas actividades de Nadal e do Entroido e, grazas á liña 4, creáronse 29 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 202.101,65 €. Tamén en materia de cooperación, Cambados recibiu 499.343,98 € ao abeiro das obras da cuberta da piscina climatizada do complexo deportivo do Pombal.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Cambados recibiu 35.464,55 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con preto de 60 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como coas axudas á rehabilitación do patrimonio histórico-cultural e as dirixidas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 74.722,11 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios (entre eles o Servizo de Axuda no Fogar, SAF), as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (da que se benefician 20 persoas) ou ben mediante os programas "En ruta coa Depo", "Depo en marcha", "Tecendo lazos", "Depotermal" (coa participación de 15 persoas maiores) e "Depo Aventura A Lanzada", ao que asistiron 36 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Cambados recibiu 48.909,74 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, axudas á participación en ligas e competicións oficiais, diversas actividades deportivas e a DEPOrte Escola de piragüismo, así como 77.783,04 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que catro persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Cambados e, outras catro, no tecido empresarial da vila.

Tamén se achegaron 8.173,75 € en igualdade no marco do programa "Conectadas 2016" e das axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista (co que Cambados elaborou un plan de igualdade de oportunidades para o CIM do Salnés), 6.052,44 € en turismo para a Asociación da Ruta do Viño, 16.156,50 € en medio ambiente co mantemento dos campos de fútbol e as subvencións ás cooperativas agrogandeiras para investimentos e, finalmente, outros 14.138,81 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.