Noticias

O Goberno de Carmela Silva achega máis de 40.000 euros a Cambados ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 92,4 % do total destinado a Cambados dentro do plan, é dicir, máis de 850.000 euros


23 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou por Resolución presidencial novas achegas ao Concello de Cambados, no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 40.406 euros para a mellora e ampliación de beirarrúas no entorno da igrexa parroquial da vila.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Cambados outros 466.905,69 euros na liña 1 para a humanización das rúas de Ourense e Pontevedra, o remate da mellora das beirarrúas na avenida de Vilariño, para a dotación de mobiliario de oficinas e mellora dos accesos aos colexios A Pastora, Os Olmos e para a construción dun muro no colexio Corvillón, para a rehabilitación da avenida da Coruña, para o arranxo do servidor do concello, para a sinalización turística e o pintado do casco urbano, para un parque infantil en Beleco, para a instalación dun colector de pluviais e saneamento en Cortiñas-Vilariño, para a renovación do alumeado público na avenida de Vilariño e a ampliación dos camiños de O Facho, Sartaxes e Sameiro e para a dotación de infraestruturas en Veiga e Fonte do Couto. Á marxe da liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar a Cambados outros 138.554,85 euros, na liña 2, para posta en marcha das festas do Samaín, do Albariño, da Vieira, dos Maios e do Entroido, así como para o Nadal, a Semana Santa, o día das Letras Galegas e para o pagamento de acredores de gasto corrente. Ademais, a institución provincial tamén aprobou achegar 207.565,98 euros para a contratación de 30 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova achega, Cambados xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 92,4 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 853.432,52 euros dun total de 923.698,99 euros.