Noticias

A Deputación de Pontevedra achega 40.000 euros a Cambados ao abeiro do Plan Concellos 2017

O Goberno de Carmela Silva leva entregado o 96,7 % do total destinado a Cambados dentro do plan, é dicir, preto de 900.000 euros


07 decembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou por Resolución presidencial unha nova achega ao Concello de Cambados, no marco do Plan Concellos 2017. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 40.000 euros para a adquisición de mobiliario urbano, para a valla do colexio Santo Tomé e para o roteiro de Cabanillas.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución xa destinara a Cambados outros 507.311,69 euros na liña 1 para a humanización das rúas de Ourense e Pontevedra, o remate da mellora das beirarrúas na avenida de Vilariño, para a dotación de mobiliario de oficinas e mellora dos accesos aos colexios A Pastora, Os Olmos e para a construción dun muro no colexio Corvillón, para a rehabilitación da avenida da Coruña, para o arranxo do servidor do concello, para a sinalización turística e o pintado do casco urbano, para un parque infantil en Beleco, para a instalación dun colector de pluviais e saneamento en Cortiñas-Vilariño, para a renovación do alumeado público na avenida de Vilariño e a ampliación dos camiños do Facho, Sartaxes e Sameiro, para a dotación de infraestruturas en Veiga e Fonte do Couto e para a mellora e ampliación de beirarrúas no entorno da igrexa parroquial da vila. Á marxe da liña 1, a Deputación tamén aprobou destinar a Cambados outros 138.554,85 euros, na liña 2, para posta en marcha das festas do Samaín, do Albariño, da Vieira, dos Maios e do Entroido, así como para o Nadal, a Semana Santa, o día das Letras Galegas e para o pagamento de acredores de gasto corrente. Ademais, a institución provincial tamén aprobou achegar 207.565,98 euros para a contratación de 30 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova achega, Cambados xa recibiu da Deputación de Pontevedra o 96,7 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 893.432,52 euros dun total de 923.698,99 euros.