Noticias

Cambados recibe máis de 40.000 euros do Plan Concellos para a humanización da avenida da Coruña

A institución provincial leva entregado o 79 % do total destinado a Cambados dentro do plan, cun investimento situado en preto de 730.000 euros


20 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova axuda para o Concello de Cambados no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará un total de 40.198 euros para realizar a humanización da avenida da Coruña. As obras, con prazo de execución dun mes, incluirán a pavimentación do espazo, a realización de beirarrúas en pedra con remate en bordes, pasos peonís elevados e a instalación dunha nova iluminación.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara a Cambados outros 361.984,21 euros en liña 1 para a humanización das rúas Ourense e Pontevedra, rematar as beirarrúas da avenida de Vilariño, dotar de mobiliario as oficinas municipais, mellorar os accesos aos colexios da vila, arranxar o servidor do concello, instalar sinalización turística e pintar o casco urbano, instalar colectores pluviais e realizar o saneamento entre Cortiñas e Vilariño e, ademais, dotar de infraestruturas a Veiga e Fonte do Couto. A maiores, outros 138.554,85 euros en liña 2 para o pagamento de gastos correntes dos seus servizos municipais e para as actividades do Samaín, o Magosto, o Nadal, a Semana Santa, a Festa da Vieira, as Letras Galegas, a Festa dos Maios e o Entroido e, finalmente, 207.565,98 euros cos que Cambados puido contratar a 30 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, Cambados xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 79 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 728.253,80 euros dun total de preto de 925.000 euros.