Noticias

O Porriño completa o seu investimento do Plan Concellos 2017 cunha achega de máis de 40.000 euros

O Porriño desenvolverá, a través da liña 2, dúas iniciativas sociais dirixidas ao colectivo de maiores e aos e ás menores con dificultades de aprendizaxe


26 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao Concello do Porriño no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 2 de Gastos correntes e actividades, que veñen completar o investimento que recibe este ano O Porriño no plan da institución provincial. Así, grazas á Deputación de Pontevedra, O Porriño disporá dun total de 43.200 euros que investirá en programas de dinamización para as persoas maiores, baixo o nome de "Tempo para nós", ademais de noutro programa de apoio e reforzo escolar para as persoas menores con desvantaxe. A primeira das iniciativas recibe 27.000 euros mentres que, a segunda, outros 16.200 euros.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara ao Porriño outros 815.214,36 euros, na liña 1 de Investimentos, con destino á mellora e pavimentación de camiños en Vitureira e Parada, á mellora do saneamento e pavimentación de camiños en Lameira, Costeira e Madorras, á substitución do céspede do campo de fútbol de Atios e á mellora da obra de paso dun camiño situado no lugar da Pedreira, na parroquia de Cans. Ademais, outros 236.737,16 euros cos que O Porriño puido contratar a 52 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da localidade.

Coa suma desta nova achega, O Porriño completa o investimento outorgado pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2017, recibindo un total de 1.095.151,52 euros.