Noticias

O Plan de Reequilibrio da Deputación financiou a mellora do pavillón polideportivo e do ximnasio municipal de Rodeiro

Carlos López Font: "A Deputación é o mellor socio institucional do Concello de Rodeiro, pois investiu aquí case 4,2 millóns de euros desde 2015 e con iso fixo posible máis do 90 % das obras realizadas"


04 febreiro 2020
Obras de mellora realizadas no pavillón polideportivo e no ximnasio municipal do concello de Rodeiro

A Deputación de Pontevedra rematou as obras de mellora realizadas no pavillón polideportivo e no ximnasio municipal do concello de Rodeiro, que foron financiadas integramente pola institución provincial ao abeiro do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos. Os deputados provinciais Carlos López Font e Santos Héctor, acompañados polo alcalde de Rodeiro, Luis López, visitaron hoxe as renovadas instalacións, que contaron cun investimento superior aos 318.000 euros.

Coas actuacións realizadas, que incluíron o arranxo do pavillón e do ximnasio, a modernización da imaxe dos espazos e a súa mellora para un óptimo aproveitamento, buscábase especialmente unha maior eficiencia enerxética. Con este fin, realizouse un cambio no peche do pavillón, substituíuse a iluminación existente por unha LED de alto rendemento e cambiouse a carpintería exterior de aluminio do ximnasio por unha nova. O proxecto tamén tivo en conta a promoción e a práctica do deporte entre os colectivos con diversidade funcional ao facer un deseño accesible das instalacións.

As actuacións abordaron tamén, entre outras cousas, a instalación de varandas de protección nas gradas, a substitución da rampla de acceso, a substitución do laminado do chan do ximnasio por un continuo sintético, a renovación das carpinterías do ximnasio, a adaptación das instalacións de protección contra incendios ás esixencias normativas e a substitución do depósito, que resultaba insuficiente para as necesidades destes equipamentos.

Carlos López Font declarou que a Deputación é "o mellor socio institucional do Concello de Rodeiro, pois fixo posible máis do 90 % das obras e iniciativas realizadas aquí nos últimos catro anos". O deputado destacou que Rodeiro, un dos dez municipios con menos poboación da provincia, está especialmente atendido polo Plan Concellos, cuxas bases favorecen os concellos de menos de 10.000 habitantes.

Font tamén valorou o esforzo da Deputación no mantemento das estradas provinciais en Rodeiro: o proxecto de reposición de firme na EP-6204 (Portela-Antas de Ulla) está a piques de ser adxudicado cun investimento de 222.000 euros e a construción dun muro na EP-6201 (Rodeiro-Vilela), con outros 30.000 euros, está xa adxudicada e a piques de comezar. A iso hai que sumarlles os traballos ordinarios de conservación de firmes nas estradas provinciais ao seu paso por Rodeiro, que acumularon un investimento de ao redor de 350.000 euros nos últimos catro anos.

Desde a chegada de Carmela Silva ao Goberno provincial no ano 2015, a Deputación leva investidos arredor de 4,2 millóns de euros no concello de Rodeiro, dos que 2 millóns saíron das tres liñas do Plan Concellos. Para o ano 2020, a institución prevé aumentar o orzamento deste plan ata 516.646,05 euros. Grazas á Liña 1, destinada a investimentos, financiáronse 20 proxectos nos últimos anos. Algúns dos que se realizaron no pasado ano 2019 son a pavimentación do lugar de Laxas (Pedroso), a pavimentación e a mellora de accesos aos núcleos de Eirexe (Pedroso) e Santa Mariña (Pescoso) e dun camiño en Leboro (Río), a mellora da capa de rodaxe nas estradas municipais de Mamoadelas-O Sanguiño e Suíme-A Feira e a mellora do acceso e a mobilidade no interior do núcleo de Toiriz. Ademais, coa Liña 2 do Plan Concellos financiáronse 7 actuacións socioculturais e, finalmente, coa terceira liña contratáronse 73 persoas desempregadas, ás que se lle suman 8 graduadas e graduados universitarios de Rodeiro que se beneficiaron do Plan de Práctica Laboral da Deputación.

Fotos