Noticias

Carmela Silva visita as obras do futuro centro deportivo de Forcarei financiadas ao cen por cen pola Deputación de Pontevedra

O proxecto, que reforma por completo o antigo albergue, supón un novo investimento provincial na vila de 400.000 euros con cargo ao Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos


24 novembro 2018
Obra Forcarei Plan de Reequilibrio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, e o deputado de Cooperación, Carlos López Font, visitou este sábado as obras de reforma do antigo albergue que se converterán no novo ximnasio da localidade, un dos proxectos máis importantes para a vila de Tabeirós que é financiado ao 100 % pola institución provincial, con 312.000 euros a través do Plan de Reequilibrio e 78.000 euros a través do Plan Concellos 2018". A obra súmase á modernización financiada pola Deputación de Pontevedra na zona sur do municipio cos investimentos para o parque infantil, a vivenda para aluguer social e a humanización da zona escolar e deportiva.

Carmela Silva sinalou que estaba encantada que a institución que preside invista en "proxectos intelixentes como este, para un equipamento deportivo totalmente accesible, o que permitirá a práctica de deporte tamén entre as persoas con diversidade funcional e mobilidade reducida". Silva tamén mostrou o seu orgullo e a súa emoción "porque un local como este albergue, que serviu para prácticas da ditadura, se converta agora, en oito meses, nun espazo público para a xente. A presidenta provincial tamén insistiu na importancia de dotar de servizos a todos os concellos "porque todos teñen dereito a ter os mesmos equipamentos. Ou temos eses servizos, dixo, ou a xente marchará"

Máis polo miúdo, con este centro deportivo Forcarei contará con sala de Fitness, Cardio e Musculación que complementarán as xa existentes no entorno do pavillón. Concretamente, en primeiro lugar desenvolveranse obras de demolición do interior do albergue nun 75 % e da súa cuberta, así como tamén da fachada sur a nivel do andar baixo. O novo edificio proveerase dun sistema envolvente con fachada ventilada cerámica, cristais de control solar e chan illado con cámara de aire. Ademais tamén ampliarase a parte baixa do albergue para garantir a súa funcionalidade e dotaranse ás instalacións do equipamento e materiais deportivos necesarios para o seu correcto uso, cumprindo as normativas vixentes.

A presidenta tamén aproveitou a súa visita á vila para asistir ao ensaio da Banda de Gaitas de Forcarei, unha das agrupacións máis activas da provincia, que promove a nosa tradición musical especialmente entre a mocidade. A banda dedicoulle a Carmela Silva unha peza en agradecemento á colaboración habitual da Deputación en moitas das súas actividades.

3,2 millóns de euros de investimentos en Forcarei

O Goberno de Carmela Silva destinou a Forcarei 3,2 millóns de euros nos tres anos e medio de mandato na Deputación de Pontevedra, o maior investimento na vila de Tabeirós na historia da institución provincial. Só co Plan Concellos, a Deputación financiou ata 12 proxectos no municipio por case millón e medio de euros. Forcarei tamén foi beneficiario do Plan PICEI cun proxecto de mellora de sinalización dos núcleos urbanos, e recibiu 250.000 euros para obras de Mobilidade.

Ademais, a Deputación xa adxudicou o 100 % dos investimentos solicitados por Forcarei ao abeiro do Plan Concellos deste ano 2018, polo cal tivo a súa disposición 953.228,35, un 73,88 % máis que en 2017. Con estas achegas Forcarei puido financiar o acondicionamento dun local para o museo, por 44.720,94 euros; a mellora de camiños en diferentes zonas da vila, por 510.000 euros, e a parte correspondente ao concello da reforma do albergue, por 78.000 euros. Ademais Forcarei recibiu 52.965,88 euros para o pagamento do subministro de enerxía eléctrica ao abeiro da liña 2 e, por último, en canto á liña 3 de Emprego, o concello recibiu 80.454,88 euros para poder contratar a 9 traballadores ou traballadoras (1 peón de recollida de lixo, 2 oficiais de obras públicas, 3 peóns forestais, 2 peóns de obra e 1 condutor).

(Axuntamos táboa anexa coas obras da liña 1 Plan Concellos financiadas pola Deputación de Pontevedra no que vai de mandato)

O CONCELLO DE FORCAREI PUIDO FINANCIAR 12 PROXECTOS POR CASE 1,5 MILLÓNS (1.317.469,49 euros)

2016:

  • Construción dun aparcadoiro público do concello 29.535,32 €
  • Mellora da seguridade viaria en camiños públicos 40.879,21 € 
  • Substitución de fiestras na casa do concello 73.999,17 € 
  • Rehabilitación de vivendas públicas 73.642,56 € 
  • Pavimento vía municipal cemiterio de Meavía-estrada EP-7201 80.341,44 € 

2017:

  • Adecuación para a seguridade e accesibilidade do aparcadoiro público 79.000 € 
  • Pavimentación e melloras de rúas e camiños en Forcarei e Trasdomonte 205.739,71 € 
  • Mellora de instalacións de alumeado exterior no concello de Forcarei 61.611,14 €
  • Impermeabilización do centro multiusos de Soutelo de Montes 40.0000 €

2018:

  • Acondicionamento dun local para o museo 44.720,94 €
  • Mellora de camiños en diferentes camiños da vila 510.000 €
  • Financiamento da parte do concello da obra do Plan de Reequilibrio 78.000 €