Noticias

A Deputación de Pontevedra fai posible o novo centro multiusos de Moraña, financiado co Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos

A obra, que contou cunha achega da Deputación de 889.078 euros, eleva a preto de 3,5 millóns de euros o investimento total realizado no Concello de Moraña


21 decembro 2019

Os deputados provinciais Santos Héctor e Gregorio Agís participaron na inauguración do novo centro sociocultural multiusos de Moraña, rehabilitado con fondos da Deputación de Pontevedra. No acto, organizado pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, tamén estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, recalcou que este servizo é unha "obra magnífica que foi posible gracias ao apoio constante da Deputación de Pontevedra aos pequenos e medianos concellos da provincia".

A obra civil contou cun orzamento inicial de 889.078,33 euros financiado integramente pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan de Reequilibrio, con 711.262,66 euros, e do Plan Concellos, coa achega doutros 177.815 euros. Finalmente, foi adxudicada en dous lotes por un total de 730.784 euros ás empresas Planificación, Desarrollo y Gestión de Construcciones (que fixo as obras de rehabilitación) e Ediserpo (que ocupouse dos servizos de climatización, electricidade e iluminación). O Concello de Moraña dispón agora do remanente para utilizar en novos investimentos no municipio.

Como destacou Santos Héctor, "Moraña é un exemplo perfecto dunha estratexia de apoio ao municipalismo desde unha Deputación que goberna para tódolos concellos, sen mirar a súa cor política e con total respecto institucional". "Cómpre lembrar", engadiu, "que a Asistencia Técnica e Económica aos concellos é un dos cinco eixes fundamentais das políticas públicas deseñadas pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva".

Santos Héctor afirmou que a Deputación "non lle fixo ningún favor a Moraña, porque ámbolos dous plans (o de Reequilibrio e o Concellos) son regrados. "A Deputación de Pontevedra, con Carmela Silva na Presidencia, transfire directamente o 30 % dos seus fondos totais aos concellos e non reparte nin un só euro a dedo". O deputado invitou, durante a súa intervención á Xunta de Galicia a sumarse a este modelo de colaboración institucional apartidista creando "un verdadeiro Fondo de Cooperación Local que transfira, cando menos o 5 % dos recursos totais dos Orzamentos Xerais de Galicia aos concellos, tratándoos como maiores de idade".

A reforma consistiu na integración do que era un mercado municipal en 1950, do cal se conservou a estrutura. O novo centro conta cun auditorio que fai á vez de salón de actos, unha zona polivalente destinada aos e ás maiores do concello, dúas aulas e estancias para servizos como aseos, despachos, zona de control ou cafetería. Ademais, o espazo central de patio cuberto queda como zona de esparexemento. A reorganización de espazos realizouse cunha especial sensibilidade no que respecta ás necesidades das persoas con diversidade funcional, facendo que todas as súas instalacións sexan accesibles para este colectivo.

Despois desta importante obra, o investimento total da Deputación de en Moraña, desde o ano 2015, chega xa a preto de tres millóns e medio de euros, dos cales cerca de medio millón ao ano saíron do Plan Concellos. Coa primeira liña deste plan, destinada a inversións, financiáronse once proxectos entre 2016 e 2018 como a senda peonil na PO-226, a pavimentación de viarias e o saneamento do núcleo rural de Castro, a adquisición dun equipo colector-compactador de residuos sólidos urbanos ou o mantemento de camiños municipais. A segunda liña do Plan Concellos centrouse en Moraña en 22 actos culturais, deportivos, sociais e de integración social. Por outra banda, a terceira liña do Plan Concellos deu lugar á contratación de 29 traballadores/as desempregados/as.

Fotos