Noticias

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra destinaralle este ano máis dun millón de euros a Poio

En 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva investiu no municipio máis dun millón e medio de euros


15 xaneiro 2017
Poio

A Deputación de Pontevedra achegaralle ao Concello de Poio durante 2017, no marco do Plan Concellos, 1.008.010,77 €, 3.670,86 € máis que en 2016, ano no que xa tivo un incremento dun 48 % con respecto a 2015, o que se traduciu en 323.519 euros máis. Á marxe do Plan Concellos, Poio recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos durante 2016

Ao longo de 2016 a Deputación de Pontevedra investiu en Poio 1.663.714,38 €. En liñas xerais, desta contía, 1.004.339,91 € correspondéronse co Plan Concellos 2016. Así mesmo, a institución provincial investiu 136.417,54 € en mobilidade, 107.851,68 € en emprego, 105.999,16 € en cohesión social e xuventude, 53.816 € en deportes, 36.657,47 € en cultura e lingua, 8.907,40 € en igualdade e 3.851,31 € en medio ambiente.

En concreto, Poio investiu 628.764,54 € da liña 1 do Plan Concellos para a subministración de vehículos (furgón, turismo, dúas furgonetas, un camión lixeiro con caixa basculante e guindastre); para a ampliación da bancada e mantemento do céspede artificial do campo de fútbol Reiboa; restauración da cuberta e conservación de fachadas e terraza do edificio de servizos sociais; mellora do saneamento na rúa Convento de San Xoán e na avenida da Seca (PO-308); mellora de servizos na rúa de Combarro; acondicionamento de instalacións deportivas municipais; e ampliación de infraestruturas de saneamento na PO-308 na avenida do Laño, en Covelo (Samieira). A través da liña 2, destinada a amortizacións, Poio destinou 123.354,32 € para o pagamento de débedas a acredores de investimentos; da liña 3, de actividades, o Concello investiu 37.662,27 € para a XVI Festa do Mar, o X Dúatlon Cross Concello de Poio, a II Carreira Popular Activa Combarro, a XXIX Festa da Ameixa, o VI Tríatlon Porto de Campelo e a VII BTT Concello de Poio; e, finalmente, Poio achegou 214.284,56 € da liña 4, de emprego, para a contratación de 30 persoas para a realización de tarefas no Concello.

No caso do fomento da cultura e lingua, o Concello recibiu 36.657,47 € da Deputación de Pontevedra, a través dos cales se organizaron 31 actuacións do Pontegal, así como para a dinamización lingüística, a rehabilitación do patrimonio histórico e dúas actividades enmarcadas no Ano Castelao.

Tamén se destinaron 105.999,16 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios municipais e das axudas básicas de emerxencia ben mediante os programas "En ruta coa  Depo" (no que participaron cinco asociacións), "Tecendo lazos", "Depo en marcha", "Depo Rúarte", "Depotermal" (do que se beneficiaron 33 persoas) ou "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 31 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Poio recibiu 53.816 € para cinco clubs de deporte federado de base, para que cinco clubs puidesen participar en ligas e competicións oficiais, para que dous equipos participasen na Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para o desenvolvemento de tres actividades deportivas e para as escolas deportivas provinciais (unha de balonmán, unha de patinaxe e dúas de piragüismo). Tamén se destinaron 107.851,68 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que cinco persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Poio e outras seis en empresas da localidade, así como 8.907,4 € para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas", que organizou no concello catro cursos de formación, e das subvencións para o fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero. Así mesmo, a institución provincial achegou 136.417,54 € en materia de mobilidade para o Plan Móvese e para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais de Poio, así como 3.851,31 € para o mantemento do campo de fútbol da Seca e para a confraría de pescadores San Gregorio de Raxó.