Noticias

O deputado de cooperación David Regades visita en Poio obras realizadas ao abeiro do "Plan Concellos 2016"

O delegado de Cooperación lembrou que o pasado ano Poio recibiu investimentos totais da Deputación por máis de 1,6 millóns de euros e que só con Plan Concellos a vila recibiu un 48% máis que no 2015


06 abril 2017
Visita as obras de Poio

O deputado de Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades, visitou esta mañá o concello de Poio acompañado polo seu alcalde, Luciano Sobral, e a deputada e tenente de alcalde, Chelo Besada, para coñecer de primeira man algúns dos investimentos máis importantes que afrontou a vila grazas ás achegas aportadas pola institución provincial ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2016". Este ano, Poio recibe do Plan Provincial un total de 1.008.010,77 €, cantidade superior ao ano anterior.

David Regades visitou a rúa Convento, na parroquia de San Xoán, onde cun investimento provincial próximo aos 82.000 € se realizaron as obras de mellora do seu saneamento. O deputado sinalou que se trata "dunha obra moi importante que supuxo levantar as beirarrúas, facer unha nova conexión á rede existente ou repoñer o firme da estrada". O deputado provincial asegurou que "como amosamos dende que chegamos a este Goberno, para nós é fundamental que todas as axudas que lles damos aos nosos concellos sexan empregados en actuacións necesarias para a cidadanía, que garantan os seus dereitos e os seus servizos básicos, posto que as persoas sempre deben ocupar o lugar máis importante nas decisións políticas".

Ademais, Regades tamén asistiu á recepción de cinco vehículos que se incorporan ao parque móbil municipal, "que precisaba unha auténtica renovación, e máis agora que se incorporaron novo persoal e novas tarefas", sinalou o Deputado. Trátase dun camión lixeiro con caixa basculante e guindastre de 3.500 kg, cunha axuda de 47.000 €, e un furgón, un turismo máis dúas furgonetas que supuxeron unha axuda da institución provincial valorada en 65.000 €, isto é, 112.000 € en total.

Regades lembrou que a institución provincial investiu máis de 1.660.000 € durante 2016 no concello de Poio, grazas aos cales, ademais destas e outras actuacións da liña 1 do "Plan Concellos 2016", se crearon 30 postos de emprego na liña 4 do Plan cun investimento de 155.000 €, aprobáronse outros 108.000 € dentro dos Plans de Práctica Laboral, 83.000 € para o Servizo de Axuda no Fogar, arredor de 130.000 € para o "Plan Móvese" ou 71.000 € dentro da convocatoria de préstamos sen xuros, entre outras achegas.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", a Xunta de Goberno da institución provincial xa aprobou para Poio un investimento de 226.802,42 € para a contratación de 28 traballadoras e traballadores. Este ano, Poio recibe a cantidade total de 1.008.010,77 €, 4.000 euros máis que o ano anterior. Os 1.004.000 € de Poio no "Plan Concellos 2016" supuxeron, ademais, un aumento do 48% respecto a 2015.