Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina ás Neves preto de 20.000 euros ao abeiro do Plan Concellos 2017

A institución provincial leva entregado o 93 % do total destinado ás Neves dentro do plan, cun investimento situado en preto de 500.000 euros


06 decembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello das Neves no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Así, coa axuda valorada en 17.942,19 euros, As Neves poderá levar a cabo obras de mellora do edificio da casa da xuventude.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara á vila 314.756,33 euros da liña 1 para proxectos como a mellora da pavimentación de camiños nas trece parroquias que compoñen o concello, a mellora de eficiencia enerxética e das medidas de seguridade nos cadros do alumeado público, a instalación de sinais informativas e melloras nas comunicacións do cadro da estación de tratamento de augas potables, a mellora e conservación en edificacións municipais como as escolas de Cerdeira, Taboexa e As Neves ou a interconexión entre os distintos depósitos de auga que a conforman. Ademais, outros 49.789,07 € da liña 2 destinados ao financiamento de proxectos de posta en valor dos recursos turísticos do concello e, por último, 112.296,81 € da liña 3 cos que As Neves puido contratar a 16 persoas que están a desenvolver as súas profesións nos distintos servizos municipais da localidade.

Coa suma desta nova achega, As Neves xa recibiu da Deputación de Pontevedra o 93 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 494.784,4 euros dun total de máis de 530.000 euros.