Noticias

As Neves construirá un muro de contención no Centro Cultural Santiago con 33.000 € do Plan Concellos

O grao de execución do Plan Concellos na vila sitúase no 96%, o que supón un investimento para As Neves de 506.872,45€


19 set 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial, vén de aprobar unha nova axuda para o concello das Neves. Deste xeito, As Neves destinará 32.728,16 € do Plan Concellos 2016, e máis concretamente da súa liña 1 de investimentos, para financiar a construción dun muro de contención de terras no Centro Cultural Santiago de Ribarteme.

Ata o de agora, As Neves xa recibiu ao abeiro do Plan Concellos 283.601,59 € en liña 1 para a mellora da pavimentación de camiños municipais, a mellora da eficiencia enerxética e das medidas de seguridade en cadros de alumeado público, melloras en dous camiños municipais: os de Cobalagarto e Pozas, obras de execución de áreas de reciclaxe, a ampliación de melloras no abastecemento de auga, obras de paso no arroio Lobeira en Taboexa, unha actuación no parque infantil da Praza do Concello, obras de conservación e restauración de edificacións municipais, a reparación da pista que une os núcleos de Rodeiro e San Xosé de Ribarteme, subministros varios para diferentes servizos municipais e a reparación da estrada de Penlas, que quedou afectada a consecuencia das chuvias torrenciais producidas o pasado mes de febreiro.

Ademais, 56.312,56 € en liña 2 (gastos correntes), 19.766,87 € na liña 3 para a promoción do deporte, o Outono de Teatro, a promoción da cultura musical, a promoción do turismo local, a programación cultural de Nadal, o ciclo de Cine de Inverno, actividades relacionadas con Muller e Igualdade e os actos culturais da XI Festa do Tinto Rías Baixas e a XXV Feira do Requeixo e do Mel. Por último, na liña 4 de emprego, As Neves destinou 114.463,27 € á contratación de 19 traballadores e traballadoras que desenvolven as súas actividades profesionais nos servizos municipais.

No que levamos de ano, a institución provincial xa aprobou o 96,2% do total destinado ás Neves dentro do Plan Concellos 2016, situando neste momento o investimento na vila nun total de 506.872,45 €.