Noticias

O goberno de Carmela Silva destina ás Neves máis de 40.000 € ao abeiro do Plan Concellos 2017

A institución provincial entregou preto do 79 % do total destinado ás Neves dentro do Plan, cun investimento situado en máis de 420.000 €


24 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega para o Concello das Neves no marco do Plan Concellos 2017, dentro da liña 1 de investimentos. Así, coa axuda valorada en 40.225,33 €, As Neves poderá levar a cabo obras de mellora e conservación en edificacións municipais como as escolas de Cerdeira, Taboexa e As Neves.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa lle destinara a As Neves 274.531,03 euros da liña 1 para proxectos como a mellora da pavimentación de camiños nas trece parroquias que compoñen o concello, a mellora de eficiencia enerxética e das medidas de seguridade nos cadros da iluminación pública de todo o concello, a instalación de sinais informativos e melloras nas comunicacións do cadro da estación de tratamento de augas potables ou a interconexión entre os distintos depósitos de auga que a conforman. Ademais, outros 6.247,23 € da liña 2 foron destinados ao financiamento de proxectos de posta en valor dos recursos turísticos do concello e, por último, 112.296,81 € da liña 3 cos que As Neves puido contratar 16 persoas que están a desenvolver as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, As Neves xa recibiu da Deputación de Pontevedra o 81,5 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 433.300,37 € dun total de máis de 530.000 €.