Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina 300.000 euros a seis concellos da provincia nunha nova achega do Plan Concellos

Vilaboa, Agolada, Campo Lameiro, Dozón, Forcarei e Meaño son os municipios beneficiados


06 xuño 2017
Plan concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar un total de 300.000 euros en achegas a seis concellos da provincia, no marco do proxecto Plan Concellos. En concreto, os municipios beneficiados por esta axuda son Vilaboa, Agolada, Campo Lameiro, Dozón, Forcarei e Meaño.

Vilaboa

No seu caso, unha nova achega de 111.433,65 euros irá destinada a Vilaboa a través da liña 1 do Plan Concellos 2017, o que lle permitirá ao Concello realizar diferentes obras de acondicionamento no espazo natural protexido das salinas de Ulló, no parque da canteira das Lapas, a adquisición de diferente maquinaria de mantemento e reparacións necesarias en varios colexios públicos do municipio.

En concreto, 50.970,65 euros se investirán nas obras de acondicionamento do espazo natural protexido das salinas de Ulló e nas melloras do parque da canteira das Lapas. Esta subvención permitirá a rehabilitación das varandas da contorna das salinas, así como da propia vía, a restitución do pavimento do aparcadoiro e a colocación de morróns de protección ao redor da estación de bombeo. No caso do parque infantil da canteira das Lapas, restauraranse os xogos infantís existentes e incorporaranse un novo tobogán e dúas randeeiras.

Outros 48.463 euros destinaranse a diferentes obras de reparación dos colexios públicos da vila. No Barciela e Bértola renovaranse os aseos, no colexio de Paredes construirase unha beirarrúa para acceder ao edificio e no colexio do Toural pavimentarase a parte posterior do centro para evitar que se forme un lameiro nos días de choiva. Ademais, grazas a esta subvención provincial, o Concello adquirirá tamén diferentes ferramentas e maquinaría para o mantemento de infraestruturas, vías e xardíns por un total de 12.000 euros.

Ademais desta última axuda de máis de 100.000 euros, Vilaboa xa ten recibido ao longo deste ano a través do Plan Concellos unha subvención de 72.037,33 euros para a pavimentación e asfaltado de varias pistas municipais e outra de 111.560,20 euros para a contratación de 10 persoas. O total das adxudicacións ascenden ata a data a 295.031,18 euros a, é dicir, un 59,5 % dos 495.823,09 euros previstos para a localidade no actual exercicio.

Agolada

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dous novos investimentos para o Concello de Agolada ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017". Deste xeito, Agolada recibe por unha banda 12.100 euros para mercar unha apisoadora que empregará nas vías municipais e a realización de obras e, ademais, outros 6.921,20 euros que servirán para dotar á ponte que linda co Concello de Santiso dunha varanda metálica con barreira de seguridade.

Anteriormente, Agolada xa recibira outros 200.443,78 euros, tamén na liña 1, con destino á subministración dunha escavadora para vías e obras e para a mellora de camiños de titularidade pública con firme de asfalto. Ademais, 75.991,17 euros en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como unha mostra de artesanía, campus deportivos infantís, o Campionato de Quad Cross e Moto Cross e un campamento musical, entre outras, e finalmente outros 114.016,75 euros en liña 3 para a contratación de 17 persoas nos distintos servizos municipais desta vila. Grazas a esta nova achega, a vila de Agolada xa leva aprobado o 80,8 % do total de investimento que recibe dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 409.472,90 euros dun total de máis de 506.000 euros.

Campo Lameiro

No caso de Campo Lameiro, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas axudas ao Concello de Campo Lameiro ao abeiro da liña 1 de Investimentos do "Plan Concellos 2017". Deste xeito, a institución provincial achega unha axuda de 37.844,88 euros, por unha banda, para o acondicionamento da antiga casa-escola de Chacente, que se reconverterá nun almacén de material diverso. As obras contemplan a realización dunha nova cuberta, a demolición das divisións interiores, o peche de dous arcos e a instalación de seis novas fiestras de aluminio. Pola outra banda, outra axuda de 38.211 euros que permitirá adecuar as beirarrúas da rúa Bernardo Sagasta, concretamente á altura de entre os números 1 e 29.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Campo Lameiro 151.562,43 euros para realizar melloras de camiños en San Isidro, Laxe, Morañó e Gargallóns e melloras no firme de varios camiños rurais do municipio relativas ao reforzo da capa de rodamento dos seus firmes. Finalmente, outros 81.837,87 euros para a contratación de 11 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma destas novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Campo Lameiro sitúase neste momento no 85,1 %, isto é, que a vila xa dispón de 309.456,18 euros dun total superior aos 360.000 euros.

Dozón

Para Dozón, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega que permitirá que o concello do municipio proceda á reposición do pavimento e a reparación das fochancas da estrada que une Rañestras e Coio Branco, cun importe situado en 39.186,66 euros. Esta achega pertence á liña 1, Investimentos, do "Plan Concellos 2017".

Con anterioridade, Dozón xa recibira a cantidade de 20.554,91 euros que permitirán que sete persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan. Grazas a esta nova achega, a vila de Dozón xa leva aprobado o 17 % do total de investimento que recibe dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 59.741,57 euros dun total de máis de 355.000 euros.

Forcarei

En Terra de Montes, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello de Forcarei ao abeiro da liña 1 de Investimentos do "Plan Concellos 2017. Deste xeito, a vila disporá dun total de 40.000 euros destinados ás obras de impermeabilización do centro multiusos de Soutelo de Montes.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara ao Concello de Forcarei 61.611,14 euros tamén en liña 1 de Investimentos para a mellora da instalación de alumeado exterior no concello. Ademais, outros 82.219,80 euros, en liña 2, para o pagamento de gastos correntes relativos ao subministro de enerxía eléctrica e, na liña 3 de Emprego, 79.641,80 euros para a creación de nove postos de emprego nos diversos servizos municipais do concello.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Forcarei xa se achega á metade, ao xa ter recibido o 48 % do total do investimento. Isto supón que a vila xa dispón de 263.472,74 euros dun total de preto de 550.000 euros.

Meaño

Finalmente, para Meaño, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello dentro do "Plan Concellos 2017", concretamente ao abeiro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 25.591 euros que permitirán que Meaño poida facer fronte ás obras de mellora e pavimentación de diversos camiños municipais situados nos lugares da Canle (parroquia de Meaño), O Outeiro (parroquia de Covas) e Picón (parroquia de Xil).

Ademais, anteriormente Meaño xa recibira a cantidade de 202.237,27 euros, en liña 1, para a adquisición dun vehículo mini pala cargadora con cullerón varredora, a ampliación doutros camiños municipais e a adquisición de terreos para a realización dunha praza pública e un aparcadoiro en Dena. Por último, outro investimento de 110.449,92 euros para a contratación de 18 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, Meaño xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 68,9 % do total de investimento que recibe dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 338.328,79 euros dun total de máis de 491.000 euros.