Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará este venres unha achega do Plan Concellos 2019 para Vila de Cruces de máis de 216.000 euros

Este investimento da Deputación de Pontevedra servirá para financiar a mellora da capa de rodaxe en diversos camiños da vila


13 febreiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación o próximo venres pola Xunta de Goberno da Deputación dun investimento para Vila de Cruces da Liña 1 do Plan Concellos de 2019. En concreto, serán 216.321,04 euros cos que a vila poderá financiar a mellora da capa de rodaxe en diversos camiños. Este ano a institución provincial pon a disposición de Vila de Cruces ao través do Plan un total de 672.245,30 euros, un 3,06% máis que no 2018.

Máis polo miúdo, vaise executar a actuación en camiños situados nas parroquias de Cumeiro, Carbia, Loson, Toiriz, Sabrexo, San Tomé e Bodaño, co obxectivo de manter a conservación e o bo estado dos mesmos. As obras comprenden a limpeza de cunetas, barrido do firme por medios mecánicos, tapado de fochas do firme existente, regularización da capa de rodaxe e a pavimentación de sobreanchos e entronques existentes.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 465.691,92 euros, Vila de Cruces tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 59.900,48 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 146.652,90 euros da Liña 3 de emprego cos que o concello pode financiar a contratación de 10 traballadores e traballadoras para o concello.

Este ano, no total da provincia, a Deputación pon a disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, un 3,3% máis que no exercicio do 2018.