Noticias

A Deputación construirá unha nova senda peonil na estrada provincial que une o núcleo de Vila de Cruces e o cemiterio

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe o proxecto ao alcalde e instouno a entregar os terreos necesarios para aprobar o convenio de colaboración e iniciar a obra


22 novembro 2018
Presentación do proxecto da senda peonil en VIla de Cruces

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai construír unha nova senda peonil para conectar o centro urbano de Vila de Cruces co cemiterio nun treito de 300 metros da estrada provincial EP-6306 Agolada-Cruces. O investimento na actuación roldará os 180.000 euros, que se financiarán cun convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello.

O deputado Uxío Benítez e o director do Departamento de Mobilidade Daniel Romay reuníronse hoxe co alcalde Jesús Otero e coa arquitecta municipal, aos que presentaron o proxecto final da actuación. A pesares de que a Deputación xa ten listo o deseño, as obras non poderán comezar de inmediato, xa que polo de agora o concello non dispón dos terreos necesarios. Por este motivo, o deputado nacionalista instou ao rexedor a negociar coa veciñanza para que cedan parte das súas parcelas. Unha vez estea o trámite feito poderase iniciar o expediente do convenio de colaboración entre ambas administracións e sacar a contratación os traballos.

Este proxecto, que terá un orzamento de uns 180.000 euros aproximadamente, permitirá mellorar a mobilidade peonil e a seguranza viaria para as persoas que diariamente transitan a pé desde o núcleo da vila (onde rematan as beirarrúas) e unha zona de equipamentos entre os que está o cemiterio. A senda, entre outras características, será perfectamente accesible e disporá dun largo mínimo de 2,5 metros, seguindo os novos criterios de deseño viario da Deputación. 

"A creación de sendas que permitan unha maior mobilidade peonil e aumenten a seguranza viaria é unha aposta clara para esta Deputación. Entendemos que as estradas provinciais non deben estar deseñadas só para os vehículos, e en Vila de Cruces hai unha grande necesidade de mellora desta estrada provincial polo alto número de persoas que camiñan por ela", apuntou Benítez.

Por outra banda, o deputado tamén anunciou que nos vindeiros días se vai iniciar a redacción do proxecto de mellora da ponte da Carixa, que actualmente non permite un tránsito seguro de persoas cara á área recreativa das inmediacións, posto que apenas dispón de dous carrís de circulación para os vehículos e non conta con beiravía. A proposta inicial é ampliar a ponte coa construción dunha pasarela peonil lateral de tipo voante.

Finalmente, no encontro co alcalde tamén se analizaron as posibles transferencias de treitos de antigas estradas provinciais ao concello, que deberá encargarse do seu mantemento, xa que agora teñen as características propias de vías municipais.