Noticias

O deputado López Font confirma que o Goberno da Deputación aprobará este venres un total de 144.000 € para melloras de camiños rurais en Vila de Cruces

A Xunta de Goberno aprobará estas achegas, dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2019, para adecuar a capa de rodaxe de camiños nas parroquias de Carbia, Larazo, Piloño e Sabrexo


04 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial Carlos López Font informou esta mañá que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres o financiamento para as obras de mellora da capa de rodaxe de varios camiños rurais nas parroquias de Carbia, Larazo, Piloño e Sabrexo no concello de Vila de Cruces. As actuacións teñen un importe total de 144.738,94 euros e forman parte dos fondos da Liña 1 do Plan Concellos 2019, que o Goberno de Carmela Silva adiantou a este ano para que os concellos puideran acometer con máis tempo obras de maior envergadura.

Máis polo miúdo, trátase de traballos de mellora da capa de rodaxe de parte do entramado de camiños públicos do municipio, en concreto, nas parroquias de Carbia, Larazo, Piloño e Sabrexo. En Piloño actuarase nun camiño rural no lugar de Lourido, que atravesa o Rego de Abialla. Na parroquia de Sabrexo melloraranse dous camiños en Barral e Fontearcada. Na parroquia de Larazo traballarase no acondicionamento dun camiño en Caxide, mentres que na parroquia de Carbia se acondicionará un camiño rural no lugar do Abollo.

Con estes novos investimentos, Vila de Cruces xa ten aprobados máis de 545.000 euros, en concreto 546.612,55 euros, co vixente Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. Esta cifra supón, ata o de agora, o 48,8 % do total destinado a este municipio do Deza en 2018 polo Plan Concellos, que ascende a un total de 1.117.984,97 euros.