Noticias

Vila de Cruces contratará a 10 persoas traballadoras municipais a través do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres 146.652,90 euros para que o concello contrate a unha persoa como auxiliar de administración, dúas como condutoras municipais e sete para obras, forestais ou xardinaría


16 xaneiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado de Cooperación, Carlos López Font, informou hoxe da aprobación, este próximo venres pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, dunha partida de 146.652,90 euros para que o Concello de Vila de Cruces poida contratar a 10 novas traballadoras e traballadores municipais ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos 2019. As persoas contratadas dedicaranse a labores de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, tal e como recollen as bases reguladoras da convocatoria do plan.

En concreto, o Concello de Vila de Cruces, tal e como solicitou á institución provincial, contratará a 2 persoas para exercer de condutores ou condutoras municipais, 7 persoas como persoal peón de obras, forestais ou xardinaría e 1 persoa como auxiliar de administración. Traballarán a xornada completa durante 10 meses. A selección de persoal levarase a cabo a través do Servizo Público de Emprego e todos os contratos non poderán exceder do 31 de decembro de 2019.

Vila de Cruces conta este ano, a través do Plan Concellos, cun total de 672.245,3 euros, o que supón case un 3,1 % máis que no exercicio anterior. Para a liña 1 –de Investimentos– dispón dun total de 465.691,92 euros, para a liña 2 –amortización, pago de débedas e gastos correntes– conta con 59.900,48 euros e para a liña 3 son os 146.652,90 euros que se aprobarán o vindeiro venres en Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, Vila de Cruces completa xa a liña 3 do Plan Concellos 2019.

No total da provincia, a Deputación pon a disposición dos 59 municipios, co Plan Concellos 2019, case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3 % máis que en 2018. No que respecta á liña 1, a institución provincial pon a disposición dos concellos 30 millóns de euros; no caso da liña 2 –de amortización, pago de débedas e gastos correntes– son 3,9 millóns; e por último, para a liña 3 –para contratación de persoal– irán 9,5 millóns de euros.