Noticias

O deputado Carlos Font visita en Mondariz as obras de mellora no campo municipal da Lagoa, "fundamentais para mellorar a práctica deportiva na vila"

A actuación forma parte dos proxectos do Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra con financiamento íntegro da institución de case 530.000 euros


06 febreiro 2019
Campo municipal da Lagoa en Mondariz

O deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font, xunto ao alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, visitaron hoxe as obras para a dotación de novas infraestruturas nos campos municipais de fútbol da Lagoa. É un proxecto incluído no Plan de Reequilibrio da Deputación, cun orzamento de 529.962,41 €, que son financiados integramente pola institución provincial. Un total de 423.969,92 € achégaos a Deputación a través deste plan provincial e os 105.992,49 restantes, con cargo ao municipio, proveñen do Plan Concellos 2018 e 2019.

O deputado Font salientou a importancia de iniciativas coma este Plan de Reequilibrio, "que permite aos concellos abordar proxectos coma este da Lagoa, que doutro xeito sería impensable e imposible para municipios como Mondariz. Hai que destacar que plans coma este e outros, coma o DepoRemse, están acertando plenamente ao atender as necesidades e demandas reais dos concellos". López Font amosou a súa satisfacción porque "A Lagoa vai quedar nunha situación inmellorable e vamos ademais dar resposta a unha das demandas máis fortes hoxe en día, que é a do deporte, atendendo a todas e todos, á poboación maior, pero sobre todo á xente máis pequena do municipio".

López Font explicou que os traballos que se están realizando nos campos municipais da Lagoa "están pensados non só para o seu efecto inmediato, senón para o futuro, para cubrir as necesidades que poidan ir xurdindo nos próximos anos con novos servizos na zona". O deputado de Cooperación resaltou ademais a boa sintonía de traballo conxunto entre Deputación e Concello de Mondariz para sacar adiante proxectos coma este, "só cabe felicitar a Mondariz. Unha cousa é que a Deputación poña fondos á disposición dos municipios e outra é que os concellos teñan proxectos viables, maduros e desta envergadura".

Pola súa parte, o alcalde de Mondariz aproveitou para felicitar á Deputación polo traballo conxunto e polo apoio constante aos concellos. "Quero facer unha mención especial ao Plan de Reequilibrio, xa que un investimento coma este sería impensable para un concello coma o noso, e grazas a el, podemos levar a cabo proxectos coma este que satisfai as demandas da veciñanza. Aquí temos equipos de nenas, de nenos, mixtos e todos eles merecen un espazo digno, de calidade e con todas as necesidades cubertas". Xoán Carlos Montes animou ao Goberno provincial a seguir implementando actuacións coma esta da Lagoa, "xa que son unha aposta polo rural, permiten fixar poboación e que vaiamos medrando pouco a pouco, sen que a nosa xente teña que marchar a outros sitios, neste caso para practicar deporte".

Máis polo miúdo, este proxecto consiste na reorganización e a optimización no funcionamento e mellora das instalacións deportivas existentes na actualidade na Lagoa. Agora, este equipamento deportivo conta, baixo as gradas, cuns aseos públicos obsoletos e non accesibles, un almacén e unha cantina, así como un espazo de vestiarios que non cubre as necesidades funcionais. O que persegue o proxecto é reubicar os espazos e unificalos nunha soa zona, de maneira estratéxica para dar servizo aos dous campos existentes. Haberá aseos para uso xeral, zona de cantina, almacén, zona de lavandaría e un despacho administrativo. Ampliarase a superficie dos vestiarios para unhas instalacións que cubran as necesidades das persoas usuarias.

Máis de 5,1 millóns de euros investidos en Mondariz

A Deputación de Pontevedra, no que vai de mandato, ten investido en Mondariz máis de 5,1 millóns de euros, o maior investimento feito neste municipio na historia da Deputación. Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Mondariz puido financiar estes anos un total de 42 actuacións. Ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, nesta lexislatura Mondariz puido contratar a 67 traballadoras e traballadores municipais (neste ano 2019, son 11 as persoas a contratar). No vixente Plan Concellos, Mondariz dispón de 527.561,50 euros, un 3% máis que no exercicio anterior.

Vídeos