Noticias

Carlos Font visita en Moraña as obras financiadas pola Deputación de Pontevedra para converter ao antigo mercado nun novo edificio multiusos

O proxecto está financiado polo ente provincial na súa totalidade, a través do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos, e conta cun orzamento de preto de 900.000 euros


19 outubro 2018
Visita en Moraña as obras financiadas pola Deputación

O deputado de Cooperación, Carlos López Font, supervisou este venres, acompañado da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, as obras de rehabilitación e ampliación do antigo mercado municipal para convertelo nun edificio socio-cultural e multiusos. A obra, que conta cun orzamento de 889.078,33 euros, está financiada na súa totalidade pola Deputación, a través do Plan de Reequilibrio, que aporta 711.262,66 euros, e do Plan Concellos, que achega os 177.815,67 euros restantes.

Carlos Font sinalou que "desde a Deputación de Pontevedra estamos moi satisfeitos por financiar un proxecto destas características, que sen dúbida vai ser unha das actuacións máis relevantes levadas a cabo nos últimos anos en Moraña". Pola súa banda, tamén explicou que "esta obra é un novo exemplo da nosa aposta por respectar a autonomía dos concellos, xa que financiamos este proxecto, a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos, porque o goberno de Moraña considera que recuperar un edificio histórico da súa vila é unha necesidade que vai beneficiar a toda a veciñanza".

O deputado provincial tamén apuntou que con esta obra "a intención é acadar máis espazos para actividades, especialmente musicais, da terceira idade, veciñais, sociais, formativas e culturais". Concretamente, con este proxecto, converterase o antigo mercado nun edificio socio-cultural e multiusos que estará dotado dun amplo auditorio, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos como aseos, despachos, zona de control ou cafetería, entre outros.

Na súa intervención, Font quixo resaltar a importancia de plans como o de Reequilibrio para o desenvolvemento dos municipios pequenos da provincia, que reciben financiación para a realización de obras de mellora de diferentes tipos. "Estamos actuando en favor dos Concellos respectando a súa autonomía, como no podía ser doutro xeito". Ademais, engadiu que "co Plan de Reequilibrio apoiamos a aqueles concellos que na anterior lexislatura non foron atendidos debidamente, intentando corrixir aquelas cousas que non se fixeron ben".

Nos tres anos de lexislatura o Goberno de Carmela Silva destinou ao concello de Moraña preto de 3,4 millóns de euros. Só este ano e a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra achega á vila 809.975,01 euros, o que supón un incremento do 74,11 % con respecto ao exercicio anterior, aos que hai engadir as achegas de 227.712 euros correspondentes ao Plan DepoRemse, que van permitir a mellora da mobilidade viaria no entorno dos centros culturais e educativos no lugar da Chan de Amil.