Noticias

Carmela Silva pon a ampliación do complexo deportivo da Lagoa, en Mondariz, como exemplo de acción contra o despoboamento do interior

A Deputación investiu máis de medio millón de euros en modernizar as instalacións cun funcional módulo arquitectónico que inclúe vestiarios, servizos administrativos, unha cafetería acristalada e unha pasarela de conexión coa grada


14 decembro 2019
Carmela Silva pon a ampliación do Complexo Deportivo da Lagoa, en Mondariz, como exemplo de acción contra o despoboamento do interior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou este sábado as renovadas instalacións deportivas da Lagoa, en Mondariz. Silva, que estivo acompañada polo alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, e o presidente do Mondariz C. F., José Manuel Vicente, puxo esta actuación como exemplo de actuación pública que fai posible asentar a poboación no rural, proporcionando servizos de calidade no territorio.

A actuación foi financiada ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos. Así, en total, a Deputación de Pontevedra achegoulle ao concello de Mondariz 529.962,31 euros que serviron para reordenar o espazo dos dous campos de fútbol, de herba natural e sintética. Construíuse un gran módulo para albergar os vestiarios e os servizos, unha cafetería acristalada con vistas ao terreo de xogo, un espazo de lavandería, despachos e unha pasarela cuberta para conectar coas gradas. Ademais, construíronse unhas balsas ecolóxicas para a depuración da auga, unha solución que vai na liña da aposta da Deputación de Pontevedra pola sustentabilidade.

Durante a inauguración, na que tamén participaron o deputado provincial Gregorio Agís e os concelleiros José Luis Fernández, Leopoldo Tato e Ánxeles Carballo, Carmela Silva destacou que a cidadanía debe ter os mesmos dereitos viva onde viva. "A xente comeza a estar un pouco cansa de que se fale de que hai tomar decisións para frear o despoboamento do interior, pero que logo non se fagan cousas para que as veciñas e os veciños poidan quedar no territorio. O despoboamento combátese dándolle á veciñanza servizos de calidade".

A presidenta da Deputación destacou o valor do deporte, "que é algo máis que unha simple actividade humana porque, ademais de educar en valores, serve para que todas e todos traballemos en equipo". Silva agradeceu o traballo das sucesivas directivas do Mondariz C. F., "xente que, sen nada a cambio, dedícalle moitas horas da súa vida ao ben común", e destacou tamén a presencia feminina tanto na actual directiva coma nas anteriores, unha delas presidida por unha muller, Sandra González.

A presidenta Silva cualificou a renovación do complexo deportivo da Lagoa como "unha obra de 10" e adiantou que a Deputación ten vontade de seguir colaborando cos concellos da provincia con novos plans "para que os concellos, que son os que mellor coñecen as necesidades, poidan facer máis obras coma esta, financiada co Plan de Reequilibrio".

Finalmente quixo aplaudir a presencia no acto non só das anteriores directivas do Mondariz C. F., que cumpre 100 anos en poucos meses, senón tamén do anterior alcalde. "Os políticos temos que querer os nosos pobos tanto se estamos gobernando coma se estamos na oposición ou xa fóra da actividade política, así que o que vexo aquí hoxe fala moi ben de Mondariz".

O actual alcalde, Xosé Emilio Barros, comezou agradecendo o traballo de todas as directivas do club e felicitou expresamente a Deputación de Pontevedra. "Esta é unha obra que se xustifica por si soa", asegurou. "A Deputación fixo un esforzo importante e investiu moitos cartos, pero a presidenta pode marchar daquí coa satisfacción do traballo ben feito". O presidente do Mondariz C. F., José Manuel Vicente, destacou que agora o club conta cunhas magníficas instalacións para as e os deportistas, "pero tamén para as familias, que poden gozar duns equipamentos de calidade". Todo iso, engadiu, anima a directiva a continuar "con moita máis ilusión aínda".

A Deputación de Pontevedra investiu no concello de Mondariz máis de 5 millóns de euros durante o mandato 2015-2019. Con cargo á Liña 1 do Plan Concellos financiou un total de 42 obras por máis dun millón de euros. Ademais, Mondariz contratou un total de 67 persoas desempregadas para traballar no Concello ao abeiro da liña 3 de Emprego.