Noticias

Carmela Silva alza a voz para gritar "basta xa de asasinatos a mulleres pola violencia machista" durante a acción de "Violencia Zero" na Estrada

A Presidenta da Deputación preguntouse "que máis ten que pasar neste país para que esta sexa a cuestión máis importante contra a que loitar?"


22 febreiro 2017
Violencia Zero

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada por distintos e distintas representantes do Goberno municipal da Estrada e pola Deputada provincial Digna Rivas, asistiu esta mañá na vila a unha nova intervención artística do proxecto "Violencia Zero", unha mostra itinerante que percorrerá 25 concellos da provincia ata outubro de 2017 e que quere, a través da cultura, contribuír á loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres. A acción que tivo lugar na Estrada chámase "Abismo", unha actuación de performance da man de Basilisa Fiestras, que apuntou nunha superficie de catro lados transparentes os nomes de mulleres vítimas mortais da violencia machista en España durante 2016 e nos primeiros dous meses de 2017, mentres unha voz en off ía relatando as circunstancias nas que foron asasinadas. A artista despois borrou os nomes, nun acto de denuncia do xeito efémero co que é tratada a violencia machista en moitas ocasións nos medios de comunicación.

Carmela Silva salientou que "a través deste proxecto Violencia Zero o que pretendemos é concienciar á sociedade do problema máis grave que padecemos no noso país, que é que cada semana asasinan a mulleres de formas horribles, non o podemos consentir". A Presidenta provincial asegurou que "non nos podemos chamar unha sociedade avanzada se non nos opoñemos con garra, con forza e con credibilidade a esta situación, que é un drama para todos os homes e as mulleres". Carmela Silva denunciou que dende o ano 2003, no que se empezaron a recoller os datos das mulleres vítimas da violencia machista, "xa foron 880 mulleres as que morreron a mans das súas parellas ou exparellas, moitas máis que as que tiveron que padecer as vítimas do terrorismo, pero que desaparecen totalmente. Son noticia dun día, no que son asasinada, e ao seguinte xa non forman parte do conxunto da sociedade. Non se nos pode esquecer esa cifra".

A Presidenta provincial lembrou os nomes de todas as mulleres asasinadas este ano pola lacra da violencia machista: Matilde Teresa, Estefanía, Toñi, Blanca Esther, María Ángeles, Virginia, Laura, J.D.L.M., Aramís, Cristina, Carmen, Ana Belén, Ana e María José (non se coñece a identidade dunha das vítimas). Unha lista á que hoxe hai que sumar tres outras mulleres asasinadas entre onte e hoxe, unha delas en Barcelona e outras dúas na comunidade de Valencia. "Asasinato, crueldade, mulleres que tiñan unha vida que foi arrincada simplemente polo feito de ser mulleres. Que máis ten que pasar neste país para que esta sexa a cuestión máis importante contra a que loitar?", asegurou Carmela Silva. O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade recolle nas súas estatísticas 11 casos confirmados e outros 3 en investigación, un total de 14, unha cifra que cos últimos casos acontecidos estes días, un deles en Chapela (Redondela), ascendería a un total de 18.

Por este motivo, a Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "como muller, como responsable política e como persoa que cre na Igualdade, levanto a miña voz". "Estou moi indignada e enfadada con esta situación", engadiu, "e este non é un enfado para quedarse na casa berrando, senón que hai que saír á rúa dicindo alto e claro que basta xa e que non imos parar ata que isto remate". "Hoxe estou moito máis indignada ca onte, pero moito menos que mañá", rematou Carmela Silva.

A segunda edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" amplíase este ano a 25 accións en 25 concellos, en homenaxe ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. As accións estanse a desenvolver a razón de dúas ao mes, dende novembro de 2016 ata outubro de 2017, e culminarán cunha acción final no vindeiro novembro deste ano.

Fotos

Vídeos

Audios

  • Audio