Noticias

Mosquera anuncia que o Plan Móvese alcanzará un investimento de case 4 millóns de euros para mellorar a seguranza viaria das estradas provinciais

A Deputación celebrará unhas xornadas o vindeiro martes 22 para conmemorar o Día Mundial das Vítimas da Violencia Viaria


16 nov 2016

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou hoxe que o Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Seguras) alcanzará un investimento de case catro millóns de euros para mellorar a seguranza viaria da rede de estradas provinciais. Este plan será presentado o vindeiro martes 22 de novembro no marco dunhas xornadas sobre ‘Seguranza viaria nas estradas. Métodos de redución de velocidade' que organiza a Deputación á que están convidados alcaldes, concelleiros, técnicos e policías locais, ademais de entidades como colectivos ciclistas ou ANPAS, todos eles vencellados coa mobilidade.

Esta data foi elixida, segundo explicou Mosquera, dado que o vindeiro domingo celebrarase o ‘Día Mundial en lembranza das vítimas de violencia viaria'. "Na Deputación queremos facer un esforzo de asesoramento para avanzar na seguranza viaria e na aposta por unha mobilidade sustentable na provincia, porque boa falta fai. A rede viaria é das peores, senón a peor do estado e hai claros indicadores disto, como son os custes dos seguros dos coches: temos os seguros máis caros do estado porque somos a provincia de maior número de sinistros.  A Deputación ten 1.700 quilómetros de vías e quere actuar nelas e asesorar aos concellos", destacou.

O vicepresidente subliñou que é preciso afondar na nova concepción da mobilidade que aposta polo calmado do tráfico como fórmula para reducir a sinistralidade e o número de vítimas, polo que o departamento dirixido polo deputado Uxío Benítez pretende achegar á cidadanía o traballo doutros organismos implicados na materia.

Así, nas xornadas do vindeiro martes estará presente a presidenta de Stop Accidentes en Galiza, Jeanne Picard, que falará dende a visión da ONG (recoñecida de utilidade pública e fundada por familiares e amigos de vítimas de accidentes de tráfico) sobre as ‘Medidas urxentes e necesarias para loitar contra a violencia viaria'.

Tamén participará o Xefe de área de Xestión da Mobilidade da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), Pedro Tomás Martínez, quen dará a coñecer a ‘Estratexia T. O tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade' que a DXT quere aplicar en todas as travesías do estado español nun curto espazo de tempo. Hai que lembrar que a DXT convidou recentemente á Deputación de Pontevedra a participar na elaboración da mencionada Estratexia, considerando que o Plan Móvese é unha ‘experiencia de referencia' que pode ser estendida a outros territorios.

Así mesmo, tamén asistirá ás xornadas o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, quen falará da experiencia de Pontevedra coa palestra exposta no Congreso da FEMP ‘Cidades que Camiñan' celebrado en Torrelodones o pasado mes de outubro, aportando datos cuantitativos que reflexan a clara relación entre o calmado do tráfico e a redución do número de sinistros.

Finalmente, o responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, presentará as actuacións que a DEPO realizará nos concellos da provincia de Pontevedra ao abeiro do Plan MOVESE (Mobilidade e Velocidade Seguras), que consisten na instalación de pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos de velocidade de vehículos e instalacións de zonas 30 nas estradas provinciais. Todos estes elementos procuran o calmado e pacificación do tráfico.

Congreso de Cidades d*s Nen*s en Bilbao

Por outra parte, o vicepresidente Mosquera deu a coñecer tamén a súa participación nas Xornadas #UmHerri2016 Cidade e Infancia que se desenvolverán mañá e pasado en Bilbao. O obxectivo deste certame, segundo explicou, é volver reactivar a rede vasca de Cidades d*s Nen*s que se puxo en marcha hai anos ao abeiro da filosofía de Francesco Tonucci e que a día de hoxe está inactiva.

Mosquera destacou que a iniciativa para retomar o proxecto vén desta vez da man dos colexios vascos e navarros de arquitectos o que, ao seu entender, garante un maior éxito. "Hai un problema serio para o tratamento dos espazos urbanos públicos, que é que historicamente os arquitectos dedicábanse á construción de edificios e os enxeñeiros ao deseño de vías. Se agora hai unha implicación para facer as actuacións urbanas á medida das nenas e nenos por parte deste colectivo é algo a ter en conta", subliñou.