Noticias

Máis de 600 mulleres comezan esta semana 35 accións formativas do programa "Conectadas"

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra serán desenvolvidos en 13 concellos da provincia


17 setembro 2019
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, desde este martes, 612 mulleres pertencentes a asociacións de 13 concellos pontevedreses comezan 35 cursos. En liñas xerais, a través desta iniciativa da institución provincial, está previsto que participen 4.000 mulleres de 53 concellos.

Hoxe 17 de setembro comezarán dez cursos en asociacións dos concellos de Bueu, Cambados, Lalín, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior e Vigo. En Bueu terá lugar o curso Risoterapia, no que participarán 21 mulleres da Asociación Española contra o Cancro ata o 3 de decembro todos os martes (16.45 a 18.15) e venres (17 a 18.30). En Cambados tamén hoxe comeza o curso Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables no que participarán 19 mulleres da Asociación de Veciños de San Vicente ata o 17 de decembro. Neste caso o curso terá lugar todos os martes, de 20 a 22.30 h.

Pola súa banda en Lalín arrancará este martes o curso Pilates no que participarán 15 mulleres da Asociación Mulleres en Igualdade de Vilatuxe ata o 9 de xaneiro. Este curso terá lugar os martes e xoves, de 21 a 22 horas. Ademais, mañá en Redondela iníciase Relaxación e Manexo do Estrés: Momentos en Calma no que participan 15 mulleres da Confraría de Pescadores San Xoán ata o 24 de decembro (todos os martes, de 16.30 a 18.30).

Tamén hoxe arranca o curso Risoterapia en Salceda de Caselas que terá lugar todos os martes, de 18.30 a 20.30, e se estenderá ata o 17 de decembro, coa participación de 16 mulleres da Agrupación Cultural Xunco de Salceda. En Sanxenxo serán 17 mulleres da Asociación de Veciños San Xoán de Dorrón as que comecen a formarse en Horta Ecolóxica todos os martes, de 20 a 23 horas, ata o 3 de decembro.

En Soutomaior comezan dous cursos nos que participarán 45 mulleres. Un deles, sobre Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables terá lugar todos os martes, de 16 a 19 horas, ata o 3 de decembro e está dirixido á Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade. O outro, sobre Conservación de Alimentos, Conservas Artesanais, terá lugar todos os martes e xoves, de 19.30 a 21.30 horas, ata o 12 de novembro e está dirixido á Asociación Veciñal e Cultural Pozovello.

Finalmente hoxe arrancarán en Vigo dous cursos. Un deles, Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, contará coa participación de 17 mulleres da Asociación de Veciños do Barrio da Feira en Cabral. Neste caso, o curso será todos os martes, ata o 17 de decembro, e en horario de 16.30 a 19.00 horas. O outro, Risoterapia, contará coa participación de 20 mulleres da Asociación de Veciños As Nosas Rúas. Nesta ocasión, o curso terá lugar todos os martes, de 17 a 19 horas, ata o 21 de xaneiro.

O mércores 18 de setembro comezarán once cursos en asociacións dos concellos de Dozón, A Guarda, Lalín, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Valga e Vigo. En Dozón terá lugar o curso Ximnasia de Mantemento no que participarán 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Pena de Francia ata o 4 de xaneiro todos os mércores e venres, de 20 a 21.30 horas. No caso da Guarda, iniciarase o curso Coidados. Dependencia II, no que participarán 15 mulleres da Fundación Las Samaritanas ata o 4 de decembro, todos os mércores, de 16 a 19 horas.

Pola súa banda en Lalín arrancarán este mércores dous cursos cunha participación de 33 persoas. Un deles será Musicoterapia, contará coa participación de 16 mulleres da Asociación de Mulleres en Igualade de Madriñán e terá lugar todos os mércores, de 16 a 18.30 horas, ata o 18 de decembro. O outro, Poda e Tarefas do Campo desde a Sustentabilidade, contará coa participación de 17 mulleres da Asociación de Mulleres en Igualdade de Santiso e terá lugar todos os mércores, de 16 a 19 horas, ata o 17 de decembro.

Tamén este mércores comeza en Mos o curso Risoterapia dirixido a 19 mulleres da Casa Santa María de la Esperanza Esclavas de la Virgen Dolorosa. O curso rematará o 2 de novembro, e terá lugar os luns e mércores, de 17.30 a 19.00 horas. No caso de Nigrán, o curso será Alfabetización Dixital II e terá lugar ata o 18 de decembro todos os mércores, de 17 a 19.30 horas.

O mércores iníciase en Pontevedra o curso Artesanía en Coiro no que participarán 17 mulleres da Asociación de Veciños Salceda Norte ata o 18 de decembro, todos os mércores, de 16 a 18.30 horas. No Porriño serán 15 mulleres da Asociación de Amas de Casa Rosais as que comecen Musicoterapia, que terá lugar todos os mércores, de 17 a 19.30 horas, ata o 18 de decembro.

Pola súa banda en Redondela, 25 mulleres da Asociación de Veciños de Chapela comezarán Risoterapia todos os mércores, de 17 a 19.30 h, ata o 18 de decembro. En Valga, 15 mulleres de ASDIVALU comezarán Iniciación ao Scrapbooking ata o 4 de decembro todos os mércores, de 10 a 13 horas. Ademais, tamén o mércores comezarán o curso Ximnasia de Mantemento en Vigo, no que participarán 15 mulleres da Asociación Cultural e Veciñal Pedra Moura ata o 26 de febreiro en horario, de 19 a 20.30 horas (os mércores).

O xoves, 19 de setembro, comezarán seis cursos en Cangas, A Estrada, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tui e Vigo. En Cangas,  terá lugar o curso Alfabetización Dixital II coa participación de 20 mulleres da Asociación Cimadevila ata o 10 de xaneiro, todos os xoves, de 18 a 20 horas. No caso da Estrada o curso que comezará será Ximnasia de Mantemento e terá lugar ata o 13 de febreiro en horario de 20.30 a 22 horas, os xoves.

Ademais, en Salceda de Caselas comezará o xoves o curso Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables ata o 5 de decembro, en horario de 16 a 19 horas. Neste curso participarán 22 mulleres da Asociación de Jubilados y Pensionistas de Salceda. En Sanxenxo serán 15 as mulleres da Asociación Emilia Pardo Bazán que iniciarán o curso Alfabetización Dixital II ata o 19 de decembro de 10 a 12.30 horas, os xoves.

No caso de Tui, comezarán este xoves o curso Fotografía. Edición 15 mulleres da Asociación Cultural San Fins de Rebordanes. O curso terá lugar ata o 19 de decembro todos os xoves, de 20 a 22.30 horas. Finalmente en Vigo iniciarase este xoves o curso Bricolaxe e Reparacións no Fogar, no que participarán 18 mulleres da Asociación Pedra da Vella ata o 9 de xaneiro en horario de 17 a 19 horas.

O venres, 20 de setembro, comezarán cinco cursos na Estrada, Mos, Ponteareas, Redondela e Vigo. Na Estada terá lugar o curso Teatro coa participación de 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Os Muiños de Curantes ata o 24 de xaneiro todos os venres, de 20.30 a 22.30 horas. En Vigo serán 15 mulleres da Asociación Emilio Crespo de Navia as que comecen Iniciación á Costura, en horario de 17 a 20 horas todos os venres ata o 20 de decembro.

Pola súa banda, 15 mulleres da Asociación Santa Baia de Mos comezarán Iniciación á Costura o venres en horario de 9.45 a 12.15 horas, ata o 16 de xaneiro. Tamén o venres se iniciará o curso de Ximnasia de Mantemento en Ponteareas, coa participación de 17 mulleres da Asociación de Maiores de Ponteareas que asistirán á formación todos os venres, de 10 a 11.30 horas, ata o 28 de febreiro.

Ademais, 17 mulleres da Asociación Cultural Deportiva Cidadelle de Redondela comezarán o venres o curso Horta Ecolóxica que se estenderá ata o 20 de decembro en horario, de 19 a 21.30 horas.

O sábado comezarán tres novos curso de "Conectadas" nos concellos da Lama, Oia e Redondela. Neste caso, na Lama, trátase dun curso de Pilates (participarán 18 mulleres da Asociación de Veciños de Laxedo ata o 22 de febreiro e en horario de 16.30 a 18.00 horas os sábados), en Oia Iniciación á Costura (con 18 mulleres da Asociación de Veciños San Miguel de Viladesuso que participarán todos os sábados, de 10 a 13.00 horas, ata o 20 de decembro) e en Redondela o curso Xardinería (con 15 mulleres da Asociación Arela de Saxomonde que participarán todos os sábados, de 16.30 a 19.30 horas, ata o 28 de decembro).

"Conectadas" 2019 trátase dun programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.