Noticias

200 mulleres da provincia comezan esta semana accións formativas do programa "Conectadas"

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra desenvolveranse en oito concellos da provincia


13 outubro 2019
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a apoderar as mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, a próxima semana comezan doce accións nas que participarán un total de 199 mulleres pertencentes a asociacións de oito concellos pontevedreses.

Máis polo miúdo, 16 mulleres de Cambados participarán na acción formativa "Coidados Propios do teu Benestar: Exercicios Motivacionais", organizada pola Asociación de Veciños San Vicente. O curso comezará o vindeiro xoves 17 de outubro no Centro Cultural Manuel Mariño Castro, desenvolverase ata o 16 de xaneiro e terá lugar os xoves, de 20:00 a 22:30 horas.

En Moaña a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer do Morrazo levará a cabo o obradoiro "Coidados Propios do teu Benestar: Exercicios Prácticos e Motivacionais", no que participarán 24 mulleres. Este curso terá lugar os luns e os mércores na sede da Asociación María Martín, de 19:00 a 20:30 horas, e desenvolverase desde o 16 de outubro ata o 8 de xaneiro.

En Nigrán 15 integrantes da Asociación A Camoesa comezan a acción formativa "Bricolaxe e Reparacións no Fogar" o mércores 16 de outubro, que terá lugar de 17:00 a 19:30 horas, no centro da Asociación Cultural de Camoesa ata o 29 de xaneiro.

No concello de Ponteareas comezan dous cursos de "Conectadas". O primeiro deles achegará a disciplina do ioga a 15 mulleres da Asociación Cultural Centro Cultural de Cillarga e terá lugar no devandito centro os luns, de 18:00 a 19:30 horas, e os mércores, de 16:30 a 18:00 horas, entre o 14 de outubro e o 13 de xaneiro. O segundo tratará a artesanía en coiro e nel participarán 15 mulleres da Asociación Mulleres do Rural do Tea de Ponteareas os martes, de 16:00 a 19:00 horas, desde o 15 de outubro ata o 14 de xaneiro no Centro Cultural Sportivo.

En Redondela a Asociación Española Contra o Cancro levará a cabo o curso "Intelixencia Emocional". Esta acción terá lugar os martes e xoves, de 19:30 a 21:00 horas, no Centro Multiusos da Xunqueira e durará desde o 15 de outubro ata o 2 de xaneiro.

En Vigo comezan dous obradoiros de artesanía en coiro. O primeiro deles terá lugar na sede da Asociación de Beade os xoves, de 17:00 a 19:00 horas, ata o 6 de febreiro e nel participarán 17 mulleres. O segundo desenvolverase na sede da Asociación de Veciños de Cabral os venres, de 17:30 a 20:30 horas, desde o 18 de outubro ata o 4 de xaneiro, e nel participarán 15 mulleres. O concello de Vigo tamén acollerá a acción "Iniciación ao patchwork", grazas á cal 16 persoas da Asociación Mulleres Rurais Eira familiarizaranse con esta técnica de costura no Centro Sociocultural de Bembrive os xoves, de 17:00 a 20:00 horas, desde o 17 de outubro ata o 2 de xaneiro.

En Vila de Cruces 18 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Camanzo exercitaranse grazas á disciplina de pilates no Local Social da Tilleira os martes, de 21:00 a 22:00 horas, e os xoves, de 19:00 a 20:00 horas. Este curso comezará o 15 de outubro e levarase a cabo ata o 6 de febreiro. Pola súa banda, 15 compoñentes da Asociación de Mulleres Rurais de Cumeiro formaranse no obradoiro "Poda e Tarefas do Campo desde a Sustentabilidade", que terá lugar os xoves, de 20:00 a 23:00 horas, desde o 17 de outubro ata o 2 de xaneiro.

En Vilagarcía de Arousa 15 mulleres da Asociación Mulleres Rurais Xiabre participarán no curso "Bricolaxe e Reparacións no Fogar", que terá lugar na Casa da Cultura de Guillán os luns, de 16:30 a 18:30 horas, desde o 14 de outubro ata o 10 de febreiro.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación a través de cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a fenda dixital. O programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan en prol da promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.