Noticias

Trinta e cinco accións formativas de "Conectadas" comezarán na primeira semana de setembro para preto de 650 mulleres

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra desenvolveranse en 25 concellos da provincia


31 agosto 2019
Conectadas

O programa "Conectadas" 2019 continuará esta próxima semana co inicio de trinta e cinco accións formativas que se organizarán en 25 concellos da provincia para un total de 631 mulleres. A iniciativa da Deputación de Pontevedra ten como obxectivo promover a participación e o apoderamento de 4:000 mulleres de 53 concellos da provincia mediante a formación.

O luns 2 de setembro comezarán sete cursos en seis concellos, concretamente en Cangas, Lalín, Mos, Silleda, A Lama e Ponteareas. En Cangas serán dous os cursos que empezarán este luns, concretamente un de pilates para a Asociación España contra o Cancro e outro de teatro para a Asociación Diagnosticad@s de Cancro. O primeiro deles terá lugar os luns, mércores e venres, de 10 h a 11 h, ata o 15 de novembro, e o segundo os luns, de 17 h a 19:30 h, ata o 2 de decembro.

En canto ao obradoiro de Lalín, as mulleres da Asociación Cultural Pandereteiras Ponte da Prata farán pilates todos os luns e xoves, en horario de 09:30 h a 10:30 h, ata o 19 de decembro. Pola súa banda, en Mos, na Asociación Recreativa e Cultural de Guizán tamén se impartirá pilates os luns e os mércores, de 20:30 h a 21:30 h, ata o 18 de decembro. En Silleda serán mulleres da Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada as que participarán nun curso de ximnasia de mantemento que terá lugar os luns e os mércores, de 19 h a 20 h, ata o 18 de decembro. No caso da Lama, os luns, de 18 h a 20 h, impartirase o obradoiro Encontro con Lectoras: Animación á Lectura e Memoria para a Asociación de Veciños de San Bartolomé de Xesta. Por último, o luns 2 de setembro arrancará en Ponteareas un obradoiro de iniciación ao patchwork que terá lugar os luns, de 16:30 h a 19 h, e ao que asistirán mulleres da Asociación de Veciños San Esteban de Cumiar.

O martes 3 de setembro iniciaranse 10 cursos en diferentes concellos da provincia. Máis polo miúdo, no Grove, mulleres de Asociación de Pensionistas e Xubilados do Grove asistirán a pilates todos os martes e xoves, de 9 h a 10:30 h, ata o 14 de novembro. Pola súa banda, en Lalín impartiráselles ximnasia de mantemento a usuarias da Asociación de Mulleres en Igualade de Donsión, que acudirán ás clases os martes e xoves, de 16:30 h a 17:30 h, ata o 19 de decembro. En Marín, mulleres da Asociación Cultural Deportiva Gharabato acudirán os martes e xoves ata o 19 de decembro, de 20 h a 21 h, a pilates. Tamén a pilates asistirán mulleres da Asociación Cultural Cantareiras Pedraquetiña de Toutón, de Mondariz, de martes e xoves, de 21 h a 22 h.

En canto a Moraña, a Asociación Cultural Chorima comezará un curso de ioga que terá lugar todos os martes ata o 28 de xaneiro, en horario de 18:30 h a 20:15 h. O mesmo día tamén comezará outro curso de ioga no Porriño ao que asistirán mulleres do Círculo Recreativo Cultural, de 10 h a 11 h os martes e de 11:15 h a 12:15 h os xoves. No caso de Gondomar, o obradoiro ao que asistirán mulleres da Asociación Veciñal Ponte de Mañufe será Conservación de Alimentos e Conservas Artesanais, ao que acudirán en horario de 17 h a 19:30 h ata o 3 de decembro.

O mesmo día comezarán outros tres obradoiros de pilates en Nigrán, Ponteareas e Soutomaior. En Nigrán participará a Asociación Centro Cultural Recreativo Parada do Miñor, os martes e xoves ata o 19 de decembro en horario de 19:30 h a 20:30 h. Pola súa banda, en Ponteareas, serán as usuarias da Asociación San Salvador as que gozarán deste obradoiro, que contará co mesmo horario que en Nigrán. Por último, en Soutomaior, os martes e xoves, de 19 h a 20 h, impartirase o obradoiro para mulleres da Asociación de Veciños de Pedreira.

Un día despois, o 4 de setembro, comezarán cinco novos obradoiros. En Redondela será un de pintura da Asociación de Mulleres Rurais Sementeira (de 17 h a 19 h). No caso de Meis, as usuarias da Asociación de Mulleres Rurais Nogueira asistirán ao obradoiro Horta Ecolóxica ata o 8 de xaneiro, de 20 h a 22 h. En Poio, a Asociación Cultural Mulleres do Mar gozará dun obradoiro de ioga os mércores e venres, de 20 h a 21:30 h, ata o 20 de novembro.

Este mércores tamén empezará o curso Cociña e Alimentación en Pontevedra e un de teatro en Vila de Cruces. En Pontevedra asistirán mulleres da Asociación Rural Mulleres Estribela, de 19 h a 21:30 h, e en Vila de Cruces as da Asociación Santa María de Oiros, de 16 h a 18 h.

Cinco novos cursos en cinco concellos diferentes serán os que se iniciarán o xoves 5 de setembro. En concreto, en Lalín, a Asociación de Mulleres Palilleiras fará pilates de 16:30 h a 18:30 h, ata o 26 de decembro. No caso de Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Mulleres Rurais Illa de Cortegada farán o curso Alfabetización Dixital ata o 5 de decembro, de 17:30 h a 20 h. Tamén o mesmo día empezarán dous obradoiros de risoterapia, un en Covelo, para a Asociación de Mulleres e Familias do ámbito rural Fragas do Tea, de 16:30 h a 19 h, e outro en Salceda de Caselas, para o Centro Cultural La Feria, de 20 h a 22 h, ambos os dous ata o 26 de decembro. Por último, en Silleda, a Asociación de Mulleres Rurais Fervenza do Castelo gozará do mesmo curso, nesta ocasión de 21 h a 23 h, ata o 5 de decembro.

Rematando a semana, o venres 6 de setembro arrancarán cinco obradoiros en catro concellos. Para empezar, no Grove, mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa asistirán ata o 30 de novembro ao obradoiro Poda e Tarefas do Campo desde a Sustentabilidade, en horario de 18:30 h a 21:30 h. Pola súa banda, en Lalín, usuarias da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vilanova farán musicoterapia de 20:30 h a 23 h ata o 20 de decembro. No caso de Marín, mulleres da Asociación de Mulleres Intercambio do Saber asistirán a risoterapia de 17 h a 19:30 h ata o 20 de decembro.

En Ponteareas empezará o obradoiro "Conservación de alimentos e conservas artesanais" para a Asociación Cultural San Nicolás de Prado (de 19 h a 21:30 h) e un obradoiro de teatro para mulleres da Asociación do Centro Cultural de Fozara (de 21:30 h a 23:30 h).

Finalmente, o sábado 7 de setembro darán comezo tres novos obradoiros en tres concellos da provincia. En Lalín, a Asociación de Veciños de Catasos acollerá o curso Poda e Tarefas do Campo desde a Sustentabilidade ata o 30 de novembro, en horario de 09:30 h a 12:30 h. Pola súa banda, en Oia, a Asociación Veciñal A Muruxeira fará xardinería de 10 h a 13 h ata o 30 de novembro. E para rematar, na Estrada, usuarias da Asociación de Mulleres Rurais de San Xiao de Vea e Baloira acudirán ao obradoiro Conservación de Alimentos e Conservas Artesanais ata o 20 de decembro, en horario de 18:30 h a 21 h.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial centrado na formación, que desenvolve cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a fenda dixital. Este programa diríxese a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.