Noticias

Máis de 400 mulleres comezan desde este mércores 22 accións formativas do programa "Conectadas 2019"

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra desenvolveranse en 18 concellos da provincia


10 setembro 2019
Conectadas

A Deputación de Pontevedra, dentro do programa "Conectadas 2019", continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a apoderar as mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, desde este mércores 405 mulleres pertencentes a asociacións de 18 concellos pontevedreses comezan 22 cursos. En liñas xerais, está previsto que participen desta iniciativa da institución provincial 4.000 mulleres de 53 concellos da provincia.

O mércores 11 de setembro comezarán seis cursos en asociacións dos concellos do Grove, Redondela, Salceda de Caselas e Vigo. No Grove terán lugar dous cursos, un de Teatro, no que participarán as mulleres da Asociación Española contra o Cancro que durará ata o 11 de decembro en horario de 18.30 a 21.00 horas, e outro de Artesanía en Coiro no que participarán integrantes da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove ata o 27 de novembro en horario de 18.30 a 21.00 horas, tamén os mércores.

En Redondela tamén comeza mañá o curso de Ioga dirixido á Asociación de Mulleres de Chapela Agarimo. Neste caso, o curso terá lugar todos os mércores de 17.00 a 19.00 horas ata o 15 de xaneiro.

Pola súa banda, en Salceda de Caselas darán comezo mañá dous cursos de Ioga, nos que participarán integrantes da Asociación de Veciños Carballeira da Picoña, e de Pilates, dirixido ás mulleres do Centro Cultural e Veciñal San Xorxe. O primeiro dos cursos terá lugar os mércores de 20.00 a 21.30 e os venres de 19.00 a 20.30 e rematará o 27 de novembro, mentres o que o segundo será os mércores de 21.30 a 22.30 e os venres de 21.15 a 22.15 ata o 15 de xaneiro.

No caso de Vigo comezará mañá o obradoiro de Mindfulness, no que participarán mulleres da Asociación Veciñal Doutor Fleming. O curso desenvolverase os mércores de 10 a 12 ata o 11 de decembro.

O xoves 12 de setembro comezarán catro cursos en asociacións dos concellos de Barro, A Guarda, O Porriño e Vilagarcía de Arousa. No primeiro concello terá lugar o obradoiro de Iniciación ao Patchwork, no que participarán integrantes da Asociación Peñaflor todos os xoves de 15.30 a 17.30 horas ata o 11 de decembro. Na Guarda terá lugar un curso de Risoterapia dirixido a mulleres da Asociación Érguete que se desenvolverá de 18.40 a 20.40 todos os xoves ata o 2 de xaneiro.

Pola súa banda, no Porriño impartirase un curso de Artesanía en Coiro dirixido a mulleres da Asociación Cultural Os Penediños todos os xoves de 19.30 a 22.00 horas ata o 26 de decembro. Finalmente, tamén o xoves, dará comezo o curso de Pilates, no que participarán mulleres da Asociación Anduriña de Sobradelo de Vilagarcía de Arousa ata o 30 de xaneiro en horario de 18.00 a 19.30.

O venres, 13 de setembro, comezarán nove cursos en asociacións de oito concellos da provincia: Caldas, Lalín, Mos, Oia, Ponteareas, Rodeiro, Vila de Cruces e Vilaboa. Así, en Caldas iniciarse o obradoiro de Artesanía en Coiro, no que participarán mulleres da Asociación Santa Mariña todos os venres de 16.00 a 19.00 horas ata o 20 de decembro. En Lalín as mulleres da Asociación de Mulleres de Filgueira comezarán o curso de Pintura que se estenderá ata o 18 de xaneiro en horario de 20.00 a 22.00. No caso de Mos terá lugar un obradoiro de Risoterapia no que participarán mulleres da Asociación As Pedriñas ata o 27 de decembro de 20.30 a 23.00 horas.

Pola súa banda, tamén o venres, empeza un curso de Iniciación á Costura no que participarán mulleres da Asociación Santa Eugenia de Mougás de Oia ata o 27 de decembro en horario de 18.00 a 20.30. No Concello de Ponteareas un grupo de mulleres da Asociación Casa Cultural de Bugarín comezan o curso de Pintura que se impartirá ata o 27 de decembro en horario de 18.00 a 20.30. En Vila de Cruces comezará Ximnasia de Mantemento, no que participarán todos os venres de 22.00 a 24.00 horas ata o 17 de xaneiro un grupo de mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Loño. Ademais, en Vilaboa comezará Iniciación ao Patchwork con mulleres da Asociación de Veciños Santa Cristina ata o 21 de decembro e en horario de 19.00 a 21.30.

Finalmente, en Rodeiro desenvolveranse dous cursos os venres nos que participarán mulleres das asociacións Virxe do Faro e Terras de Camba. No caso da primeira, comezarán o obradoiro de Xardinería, que se estenderá ata o 13 de decembro en horario de 17.00 a 20.00 horas; a segunda asociación fará o mesmo con Risoterapia ata o 27 de decembro en horario de 16.00 a 18.30 os venres.

O sábado 14 de setembro empezarán tres cursos nos concellos da Estrada, Silleda e Vigo. Na Estrada impartirase un obradoiro de Sendeirismo, no que participarán mulleres da Asociación de Veciños a Firgha da Somoza e que se desenvolverá ata o 7 de decembro todos os sábados de 16.00 a 19.00 horas. En Silleda terá lugar unha acción formativa de alfabetización dixital dirixida a mulleres da parroquia de Laro todos os sábados ata o 21 de decembro en horario de 16.00 a 18.30 horas. Finalmente, en Vigo terá lugar un obradoiro de Sendeirismo que comezará o sábado e que se desenvolverá ata o 7 de decembro de 10.00 a 13.00 horas.

"Conectadas 2019" é un programa provincial que pon o acento na formación desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construíren unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a fenda dixital. Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.