Noticias

Arrancan as accións formativas de "Conectadas" 2019 para promover a participación e o apoderamento de 4.000 mulleres de 53 concellos da provincia

Os primeiros cursos desenvolveranse en Pontevedra, A Lama e Vigo


29 agosto 2019
Conectadas 2019

O programa "Conectadas" 2019 arranca esta fin de semana para promover a participación e o apoderamento de 4.000 mulleres de 53 concellos da provincia mediante a formación. Máis polo miúdo, o pistoletazo de saída terá lugar este venres na Lama ás 16:00 horas e continuará o sábado en Pontevedra e o domingo en Vigo. En total participarán nestas tres primeiras accións formativas preto de 60 mulleres.

Un grupo de 17 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Pícara da Lama comezará o venres unha formación sobre artesanía en coiro. O curso terá lugar os venres en horario de 16:00 a 19:00 horas no Borralleiro núm. 13 da Lama e rematará o 16 de novembro. Pola súa banda, 17 mulleres da Asociación de Veciños Outeiro do Castro de Pontevedra comezará o sábado unha formación sobre xardinería. Neste caso, o curso terá lugar os sábados no Centro Social de Verducido, de 9:00 a 13:00 horas, e rematará o 26 de outubro. Finalmente, o domingo serán 23 as mulleres da Asociación de Veciños Novo Vigo as que comecen a súa formación sobre sendeirismo. O curso terá lugar todos os domingos ata o 22 de decembro en horario de 10:30 a 13:30 horas no número 11 da rúa das Teixugeiras, en Vigo.

Este ano participarán no programa "Conectadas" 260 entidades de 53 concellos da provincia. As actividades máis solicitadas son as de pilates, ximnasia de mantemento, cociña e alimentación, hábitos saudables, risoterapia, alfabetización dixital II (internet e correo electrónico), ioga, artesanía en coiro, conservación de alimentos, conservas artesanais, iniciación á costura, teatro, iniciación ao patchwork ou horta ecolóxica, entre outros. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Ademais, impartirase un módulo obrigatorio de sensibilización na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. En cada un dos obradoiros, que terán unha duración mínima de 35 horas, poderán participar un mínimo de 15 persoas.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Este programa está dirixido ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.