Noticias

Máis de 250 pontevedresas rematan esta semana accións formativas de "Conectadas"

Os obradoiros de igualdade da Deputación que rematan esta semana desenvolvéronse en 14 concellos da provincia


01 decembro 2019
Conectadas 2019

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 leva desde finais do mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a apoderar as mulleres da provincia mediante a formación. Durante esta primeira semana de decembro poñerase fin a un total de quince obradoiros que se realizaron nos concellos de Cangas, A Estrada, A Guarda, Mos, Sanxenxo, Soutomaior, Dozón, O Grove, A Lama, Rodeiro, Valga, Pontevedra, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

Este luns 2 de decembro finalizan un total de cinco cursos. No concello de Cangas, mulleres da Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama finalizarán un curso de Teatro; na Estrada, veciñas pertencentes á Asociación de Mulleres Rurales Santo Montillon rematarán un curso de Pilates; e integrantes da Asociación Española Contra el Cáncer de Mos clausurarán o obradoiro de Taichí no que participaban. O mesmo día, veciñas da Casa Santa María de la Esperanza Esclavas de la Virgen Dolorosa de Mos e da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Santa Tecla da Guarda clausurarán candanseu obradoiro de Risoterapia.

O martes 3, varias integrantes da Asociación de Veciños San Xoán de Dorrón finalizarán o curso Horta Ecolóxica en Sanxenxo. No concello de Soutomaior veciñas da Asociación e Mulleres Rurais Anduriña de Arcade rematarán o obradoiro Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables.

Ao día seguinte, o mércores 4 de decembro, clausuraranse un total de cinco accións. En Dozón integrantes da Asociación Mulleres Rurais Pena de Francia finalizarán o curso de Ximnasia de Mantemento, mulleres da Cofradía de Pescadores San Martiño do Grove rematarán o obradoiro de Artesanía en Coiro e veciñas pertencentes á Asociación Cultural San Antonio da Lama poñerán fin ao obradoiro Relaxación e Manexo do Estrés: Momentos en Calma. Este mércores tamén se clausurarán os obradoiros de Xardinería, no que tomaron parte veciñas da Asociación de Mujeres Rurais Virxen do Faro de Rodeiro, e de Iniciación ao Scrapbooking, no que participaron mulleres da ASDIVALU de Valga.

Por último, o xoves 5 de decembro finalizarán os cursos de Iniciación á Costura, no que participaron veciñas da Asociación Mulleres Rurais Fervenza do Castelo de Silleda, e de Alfabetización Dixital II: Internet, correo electrónico..., no que participaron as veciñas da Asociación de Mulleres Rurais Illa de Cortegada de Vilagarcía de Arousa. Ademais, tamén rematará o Obradoiro de Mindfulness no que estaban a participar 18 mulleres da Asociación Española Contra el Cáncer de Pontevedra.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital.  O programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción e o desenvolvemento das mulleres, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.