Noticias

Trinta mulleres de Vigo e A Estrada comezan esta semana accións formativas de "Conectadas"

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra desenvolveranse en Vigo e A Estrada


17 novembro 2019
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a apoderar as mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, entre este luns 18 e o 24 de novembro comezarán dúas novas accións nas que participarán un total de 30 mulleres pertencentes a asociacións de dous concellos pontevedreses, A Estrada e Vigo. Ademais, outros catro cursos que empezaran no mes de setembro chegan ao seu fin esta semana.

Máis polo miúdo, 15 mulleres da Estrada participarán na acción formativa Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais San Xoán de Santeles. O curso comezará o vindeiro mércores 20 de novembro, desenvolverase ata o 19 de febreiro de 2020 no local da escola (lugar de Godoi, s/n, Santeles) e terá lugar os mércores de 18 a 21 horas. En Vigo, 15 integrantes da Sociedad Cultural, Deportiva y Recreativa Helios iniciarán o 22 de novembro a acción formativa Risoterapia, que terá lugar os venres de 17 a 19 horas no local da sociedade ata o 28 de febreiro do vindeiro ano.

Ademais, esta semana rematan catro cursos cun total de 82 mulleres participantes. O primeiro é Encontro con Lectoras: Animación á Lectura e Memoria, no que participaron 15 mulleres da Asociación de Veciños de San Bartolomé de Xesta, no concello da Lama. Pilates, o curso impartido en Cangas ao que asistiron 25 persoas da Asociación Española Contra el Cáncer, rematará o mércores 20. Ademais, 24 integrantes da Asociación de Mulleres de Filgueira, no concello de Lalín, rematarán o 22 de novembro a acción Pintura. Por último, en Poio, o curso de Ioga que mobilizou 18 integrantes da Asociación Cultural Mulleres do Mar de Poio rematará o 20 de novembro.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar as mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como a reducir a fenda dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o apoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.