Noticias

Máis de 50 mulleres da provincia comezan esta semana accións formativas do programa "Conectadas"

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra serán desenvolvidos en dous concellos pontevedreses


10 novembro 2019
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, entre o luns 11 e o domingo 17 de novembro comezan tres novas accións nas que participarán un total de 52 mulleres pertencentes a asociacións de dous concellos pontevedreses, Mondariz e Ponteareas. Ademais, outros catro cursos comezados nos meses de setembro e outubro chegan ó seu fin esta semana.

Máis polo miúdo, 17 mulleres de Ponteareas participarán na acción formativa Artesanía en Coiro, organizada pola Asociación de Vecinos La Comunidad de Pías. O curso comezará este luns, desenvolverase ata o 3 de febreiro de 2020 no Teleclub Lenguda (Pías, s/n, Ponteareas) e terá lugar, os luns de 18:00 a 21:00 horas.

En Mondariz, 20 integrantes da Asociación de Mulleres de Gargamala comezan o 15 de novembro a acción formativa Ximnasia de Mantemento, que terá lugar os venres de 20:15 a 21:45 horas na Casa Cultural de Mourelle LGR Gargamala ata o 28 de febreiro do vindeiro ano. Finalmente, o 12 de novembro dará comezo tamén en Mondariz un curso denominado Encontro con Lecturas: Animación á Lectura e Memoria, ó que acudirán un total de 15 persoas da Asociación Española Contra el Cáncer de Mondariz. Esta acción terá lugar os martes de 19:00 a 21:00 horas na Biblioteca Pública Municipal de Mondariz Xoán Xosé Pérez Labaca e rematará o 25 de febreiro.

Ademais, esta semana rematarán catro cursos cun total de 87 mulleres participantes. Deste xeito, este luns finaliza o curso Alfabetización Dixital II: Internet, Correo Electrónico, Manexo da Tableta, Teléfono Intelixente..., no que participaron 20 mulleres da Asociación Punto Delas–Secretaria das Mulleres.

Conservación de Alimentos, Conservas Artesanais, o curso impartido en Soutomaior ó que asistiron persoas da Asociación Vecinal y Cultural Pozovello, rematará o martes 12.

22 integrantes da Asociación Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo rematarán o 13 de novembro a acción Socializándose Coas Redes: Facebook, Twitter, Blogs..., que deu comezo o 7 de outubro e tivo lugar os luns e mércores de 10:00 a 13:00 horas. Por último, no Grove, o curso Pilates, que comezara o 3 de setembro e que mobilizou a 25 integrantes da Asociación de Pensionistas y Jubilados de O Grove, rematará o 14 de novembro.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.