Noticias

Máis de 250 mulleres da provincia rematan esta semana accións formativas de "Conectadas"

A finalidade do programa de igualdade da Deputación é mellorar a formación das mulleres para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias


23 decembro 2019
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 leva desde o mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Así, durante esta cuarta semana de decembro porase fin a un total de 15 obradoiros nos que participaron 268 mulleres e que foron realizados nos concellos de Caldas de Reis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Pontevedra, Salceda de Caselas, Soutomaior, Mos, Ponteareas, Vigo e Redondela.

O próximo xoves 26 de decembro rematarán cinco cursos de Pilates levados a cabo pola Asociación de Mulleres Rurais A Purísima da Estrada, a Asociación de Mulleres Palilleiras de Lalín, a Asociación Cultural Pandereteiras Ponte da Prata de Lalín, a Asociación Cultural A Queimada de Pontevedra e a Asociación de Veciños de Pedreira de Soutomaior. Ademais, tamén se porá fin aos cursos de Risoterapia, levado a cabo pola Asociación Érguete Baixo Miño da Guarda, Poda e Tarefas do Campo desde a Sustentabilidade, no que participaban mulleres da Sociedad Cultural Deportiva San Martín de Verducido de Pontevedra, e Iniciación á Costura, levado a cabo no Centro Cultural La Feria de Salceda de Caselas.

Será o venres 27 de decembro cando finalicen os obradoiros de Risoterapia, ao que acudían mulleres da Asociación Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas de Mos, Pintura, realizado pola Asociación Casa Cultural de Bugarín de Ponteareas, e Pilates, levado a cabo pola Asociación de Veciños San Benito de Romariz-Soutomaior. En Vigo tamén se clausurarán dous cursos, un de Iniciación á Costura, ao que acudían mulleres da Asociación Veciñal de Consumidores e Usuarios e Cultural "Emilio Crespo" de Navia, e outro Obradoiro de Mindfulness, levado a cabo pola Asociación Xaruma.

No marco deste "Conectadas" 2019 tamén rematarán outros dous cursos. Serán o de Iniciación á Costura, no que estaban a participar mulleres da Asociación de Veciños Raigame de Caldas de Rei, e o de Xardinería, que a Asociación Mulleres Arela de Saxamonde de Redondela estaba a levar a cabo e que rematará o sábado 28 de decembro.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.